CIG-Saúde mantén a convocatoria de folga do 23 de abril tras non acadar un acordo coa Consellería de Sanidade

A central convoca unha protesta ás 11:00 horas diante do SERGAS na que fará un enterro simbólico deste nivel asistencial
Nacional - 22 Abr 2026

A CIG-Saúde informa de que na reunión do comité de folga celebrada na xornada de hoxe coa Consellería de Sanidade non se acadou un acordo que permita desconvocar a folga prevista para mañá, xoves, 23 de abril, en toda a Atención Primaria. Durante o encontro produciuse un achegamento de posturas entre ambas partes, “mais as propostas trasladadas pola Administración non resultan suficientes para dar resposta ás demandas do persoal e ás necesidades reais deste nivel asistencial”.

A CIG-Saúde considera que, a pesar dos avances rexistrados na negociación, non se concretaron compromisos firmes nin medidas que garantan cambios efectivos na mellora das condicións laborais e asistenciais, tanto nos centros de saúde coma nos PAC, polo que se mantén a convocatoria de folga.

A organización sindical reitera a súa disposición ao diálogo e á negociación, mais insiste en que é imprescindíbel que a Consellería de Sanidade presente propostas que supoñan solucións reais e inmediatas para a situación que atravesa a Atención Primaria.

Neste senso, a CIG-Saúde fai un chamamento á participación na xornada de folga do 23 de abril, así como a acudir á concentración convocada ás 11:00 horas diante do SERGAS (complexo administrativo de San Lázaro), “como medida de presión para conseguir unha Atención Primaria pública, de calidade e con condicións dignas para o seu persoal”. A central sindical aproveitará a protesta para representar a morte da Atención Primaria, con toda a parafernalia propia dun enterro.