CIG-Saúde mantén a convocatoria de folga deste xoves na Atención Primaria ao non producírense avances na reunión coa Consellaría
A CIG-Saúde mantén a convocatoria de folga de mañá, xoves 26 de marzo, en toda a Atención Primaria, xa que na reunión celebrada hoxe coa Consellaría de Sanidade non se produciu ningún avance. A central sindical ratifica a súa disposición a continuar negociando para chegar a un acordo, pero reclámalle á Xunta de Galiza que presente propostas concretas e efectivas que permitan reverter a situación límite na que se atopa a Atención Primaria.
Para a xornada de folga de mañá, a CIG-Saúde tamén ten prevista unha mobilización diante da Consellaría de Sanidade en Santiago de Compostela, ás 11:00 horas, na que anima a participar ao persoal dos centros de saúde e dos PAC.
A secretaria nacional da CIG-Saúde, Ana Lestón, explica que o comité de folga se reuniu esta mañá coa Consellaría, nun encontro que se prolongou dende ás 09:30h até 15:30 horas e no que se abordaron os 25 puntos recollidos na táboa reivindicativa que, incide, incorpora medidas para todas as categorías profesionais.
Porén “neste momento non se dan as circunstancias para chegar a un acordo, xa que a administración se limitou a escoitar as nosas demandas sen presentar ningunha proposta nin ofrecer solucións reais. Pola contra, insistiu en que nos adherísemos a desconvocatorias previas que non dan resposta á grave situación que atravesa a Atención Primaria. Por iso, a CIG mantén a convocatoria da folga e a mobilización de mañá”, asevera.
Lestón reitera a vontade da central sindical para seguir negociando e avanza que “acudiremos a todas as xuntanzas ás que nos chame a administración porque o obxectivo desta folga é acordar medidas urxentes e estruturais que garantan o futuro da Atención Primaria, unhas condicións de traballo dignas e unha atención de calidade para a cidadanía”.
Mais para acadar este obxectivo, conclúe, “é fundamental unha participación masiva de todas as traballadoras e traballadores para deixar claro que os acordos previos son totalmente insuficientes e que non resolven a problemática estrutural da Atención Primaria. Porque só coa mobilización conseguiremos forzar cambios reais”.