CIG-Saúde Lugo denuncia a precaria situación do persoal de enfermería do HULA e de Primaria
CIG-Saúde de Lugo vén de denunciar a precaria situación que está a sufrir o persoal de enfermería do HULA e da Atención Primaria desta Xerencia. Denuncia que “a falta de previsión da Xerencia da EOXI dá lugar a que os heroes da pandemia, os que estiveron sempre ao pé do canón, dando todo coma profesionais que son, sigan a estar saturados e facendo horas de máis, nalgúns casos ata 11 días a maiores da súa carteleira de xornada completa que xa teñen asignada e isto sen compensacións”.
Asegura que no caso do persoal contratado que xa está facendo unha substitución, a retribución destas horas extraordinarias faise co valor da hora ordinaria e no caso de persoal do cadro o “premio” por este exceso de xornada é a cambio doutro día libre “cando se poida”. É dicir, nin se están retribuíndo as horas ao prezo que establece a lei nin por suposto se valora o esforzo ao que se ven sometidos estes profesionais, sempre primando os criterios económicos.
Denegación de permisos
A isto hai engade que este persoal non pode gozar das libranzas nin dos días de asuntos propios que lles corresponden, porque a resposta sempre é a mesma: “non hai substitutos” e sempre coa constante ameaza de poder suspender as vacacións que xa teñen concedidas.
O persoal vese obrigado a traballar en días libres e a prolongar xornadas para que a calidade asistencial non se resinta. “É, por tanto, a súa profesionalidade a que lle quita as castañas do lume sempre ao SERGAS facendo que o traballo saia adiante a pesares do abuso ao que se ven sometidas”.
A CIG-Saúde de Lugo pregúntase até cando terán que aturar esta situación e como se pode resistir esta presión sen descansos nin compensación ao gran esforzo que están a realizar. Unha presión diante a que considera que “non é de estrañar que cada vez haxa menos profesionais que elixan a sanidade pública para desenvolver o seu traballo, dadas as precarias condicións ás que se ven sometidos”.
Denuncia que o SERGAS propicia esta situación coas súas políticas de contratación e que a resposta que dan é que non hai persoal dispoñible nas listas. “A mala xestión da contratación é a resposta. As cabezas pensantes da consellería non dan ou non queren dar solucións ao problema”.