CIG-Saúde Lugo denuncia a denegación de días de libre disposición ao persoal de enfermería
A CIG-Saúde de Lugo denuncia que se lle está a denegar por sistema ao persoal de enfermería do HULA os días de permiso de libre disposición. Diante desta discriminación, a representación da CIG reclama que a dirección remita á Xunta de Persoal a relación de permisos denegado e as motivacións para facelo, "xa que é a súa obriga dalos a coñecer".
A finalidade desta petición, explica Rosa González, delegada de CIG-Saúde, "é ter os datos reais e así poder facer as denuncias que sexan necesarias para acabar cunha práctica desta dirección recorrente, e que mantén as traballadoras sempre na incerteza de se van poder gozar ou non os permisos que lle corresponden por lei".
Advirte que a situación se volveu insostíbel hai tempo e que esta mesma fin de semana se están a denegar todos os permisos de libre disposición adebedados do ano 2022. Por iso, González pregúntase que pasará cando chegue o período de vacacións do verán ou as épocas nas que se acumulan máis festivos. "Non importa nin o esforzo nin o sobreesforzo, nin o traballo ben feito. Dende a dirección non se favorecen outras solucións como poden ser a autocobertura coa correspondente compensación", apunta.
Neste senso, aclara que no resto dos centros da EOXI, incluída a Atención Primaria, non existen estes problemas de denegación de permisos. "O que fai esta dirección é mirar para outro lado, este problema hai que atallalo e non deixar que as cousas se arranxen soas ou esperar unha milagre; porque a maioría xa non cremos nas milagres. Se hai un problema de substitucións, teñen a obriga de solucionalos e non deixar engordar a situación ata que rebente", asevera a delegada da CIG-Saúde.