CIG-Saúde lanza unha campaña pola recuperación dos salarios roubados ao persoal do SERGAS
Cunha concentración e unha comparecencia de prensa arrincaba esta mañá a campaña da CIG-Saúde en demanda da devolución dos salarios “roubados” desde o ano 2010. Unha decisión que non estaba condicionada aínda pola crise económica, porque foi adoptada antes de que se aprobara a Lei de Medidas de Estabilidade Orzamentaria pola que se recortaron as condicións laborais e retributivas do persoal dependente das administracións públicas, tanto estatal como galega, e que foi promulgada en 2012.
Segundo explicou a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, Feixó adoptou, á súa chegada ao goberno, a “medida estrela” de conxelar os salarios dos traballadores/as da sanidade pública galega dos exercicios 2010, 2011 e 2012 do persoal do SERGAS. Decisión que non atinxiu ao resto do persoal da administración pública.
Desde aquela, lembrou, a CIG-Saúde vén reclamando a devolución dos dereitos retributivos das traballadoras e traballadores da sanidade pública galega, máis cando desde o goberno da Xunta se promoveron acordos de mellora salarial, á que tiñan dereito, para outros colectivos ou cando se recoñeceu a carreira profesional para todo o persoal laboral e funcionario da Xunta de Galiza. “Ao tempo que negociaban estes acordos amosaban a súa reiterada negativa a negociar un acordo na mesa sectorial para devolver ao persoal do SERGAS os recortes salariais acumulados neses tres anos”.
Abuín lembrou que cando o goberno estatal anunciou que había unha recuperación económica, a través das distintas mesas de negociación fixéronse calendarios para a recuperación dos recortes que se produciron mediante esa lei de estabilidade. Porén, máis unha vez “Feixó negouse de forma sistemática a establecer ningún calendario de recuperación para devolver ao persoal do SERGAS os salarios que conxelou nos exercicios 2010, 2011 e 2012 e que se mantén na actualidade”.
Diferenza de entre 200 e 400 € ao mes co resto do persoal da administración pública
A secretaria nacional de CIG-Saúde matizou que “o que estamos a pedir non é un incremento salarial, é que nos devolva o que nos leva roubado”. Uns salarios que tiñan que ter percibido e que terían permitido que se equipararan as súas condicións á media dos servizos de saúde. Fronte a iso, dixo, “seguimos estando retributivamente á cola dos servizos de saúde e cuns salarios que minimizaban a diferenza salarial que temos co resto de traballadores e traballadoras da administración pública”.
Abuín explicou que entre o persoal do SERGAS de igual nivel, pero dunha maior exixencia no rango de titulación hai unha diferenza co resto do persoal da administración pública de entre 200 e 400 euros mensuais. “É dicir, un traballador da administración pública que traballa de luns a venres percibe unha retribución fronte o persoal do SERGAS que ten unha prestación de servizo as 24 horas do día os 365 días do ano entre 200 e 400 euros”. Diferenza que, segundo afirmou, queda constatada na orde de confección de nóminas que anualmente publica a Xunta de Galiza.
Establecemento dun calendario de recuperación
A secretaria nacional de CIG-Saúde lembrou que agora coa pandemia “Feixó presume do bo traballo realizado polo persoal da sanidade pública galega e fai promoción política e persoal con isto” e considerou que, fronte á propaganda “o que ten que facer é devolvernos o roubado. Cremos que xa é hora”.
Denunciou que o recoñecemento do SERGAS ao seu traballo é seguir negando o establecemento dun calendario de recuperación que “estamos dispostos a pactar e que sexa en máis dun exercicio orzamentario”. Mais denunciou que porén “esta é a recompensa que di el que temos por facer o noso traballo. Un traballo que se visibilizou na pandemia pero que é o mesmo que facemos o resto do ano”.
Niveis retributivos
María Xosé Abuín exixiu tamén que nesta recuperación de salarios se muden os niveis retributivos que ten cada colectivo. Neste sentido considerou que “non é de recibo que un administrativo da Xunta de Galiza, para o que o requisito de titulación é o bacharelato, poida ter un nivel de entre o 18 e o 25 cando un médico ou médica, que ten un requisito de titulación de medicina e un MIR, teña un nivel 24”.
Lembrou que a CIG-Saúde leva anos reclamando unha modificación dos niveis para adaptalos a requisitos de titulación e a prestación de servizo porque son polos que se regulan as retribucións que se perciben e demandou que “de inmediato o persoal médico pase a ter nivel 26 e que se senten dunha vez a facer unha readaptación en función dos requisitos de titulación e a prestación de servizo para que teñan a clasificación que corresponde”.