“Sensación agridoce” na CIG-Saúde por non se ter acadado un acordo sobre o cómputo de xornada nos PAC
CIG-Saúde vén de manifestar a “sensación agridoce” que deixa o remate do conflito de PACs, por non se ter acadado un acordo sobre o cómputo de xornada. Lembra que esta cuestión e a penalización sobre a xornada complementaria foi o principal motivo polo que se iniciou este conflito, xa que “é a maior perda retributiva do persoal de PACs”. Por iso asegura que seguirá negociando co SERGAS até acadar un computo de xornada sen penalizacións.
A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín sinala que os puntos de acordo que onte se validaron polo comité de folga, “son os mesmos que validou o comité anterior, o día 5 de febreiro de 2019, agás o da xornada”. Por iso quere recoñecer o traballo realizado por este comité e transmitirlle os parabéns polo traballo realizado.
Subliña ademais que “a única diferenza co traballo do comité anterior é a porcentaxe do valor da atención continuada” porque daquela o SERGAS ofrecía o 50% en dúas anualidades, “tema que non estaba pechado”.
Lembra que durante todo este tempo “reivindicamos que o valor da atención continuada non se podía calcular sobre o 20% dos complementos de noites e festivos do ano 2008, senón que había que solicitar a equiparación cos actuais valores do que perciben as/os médicas/os de urxencias hospitalarias e enfermeiras/os do hospital e así o conseguimos”.
A CIG-Saúde, reiteradamente, estivo publicando os valores da atención continuada que debía percibir o persoal de PACs, con anterioridade ao acordo acadado o día 17 de xullo de 2019.
A folga foi desconvocada sen facer consulta previa ás traballadoras e traballadores por entender o comité de folga que estaba lexitimado para facelo polas consultas anteriores.
Rematado o traballo do comité de folga, a CIG-Saúde reitera os seus parabéns para todas as traballadoras e traballadores que participaron no conflito. E manifesta que “a loita polos dereitos das traballadoras e traballadores de PACs continúa, e a CIG-Saúde continuará nela, sempre tratando de representar o sentir da maioría do persoal de PACs”.