CIG-Saúde A Coruña advirte de intoxicacións por monóxido de carbono nos autobuses da doazón de sangue
CIG-Saúde vén de presentar denuncia ante a Inspección de Traballo pola intoxicacións por monóxido de carbono que padece o persoal dos autobuses da Axencia galega de doazón de sangue e tecidos da Coruña. As traballadoras e traballadores deste servizo sofren dores de cabeza, vómitos, mareos, náuseas etc., a causa dos gases de combustión e partículas canceríxenas procedentes da combustión do motor diésel nas unidades móbiles.
A CIG solicitoulle de maneira repetira á Xerencia que acondicione os autobuses para que o gas que procede dos xeradores de gasóleo empregados para proporcionar enerxía non entre dentro do vehículo. Pero ante a inacción da Xerencia "vémonos na obriga de presentar unha denuncia na Inspección de Traballo", apunta María Formoso, secretaria comarcal da CIG-Saúde.
Advirte que a exposición a este gas tamén a sofren as persoas doadoras de sangue que acoden a realizar unha acción altruísta e solidaria. "A Xerencia ten a obriga de protexer a saúde das/os traballadoras/es dos autobuses de doazón así coma a das persoas que van doar sangue. Por iso, dende a CIG-Saúde esiximos xa unha solución".