A CIG-Saúde considera insuficiente o acordo de PAC e denuncia a imposición unilateral de medidas para o persoal médico de urxencias
Este mércores tivo lugar reunión da Mesa Sectorial de Sanidade na que, entre outras cuestións, se tratou o decreto de modificación dos horarios dos PAC e medidas laborais para o persoal médico de urxencias hospitalarias. Ao remate, o SERGAS concretou por fin unha data de reunión co comité de folga de CIG-Saúde, no marco da nova xornada de folga convocada para o 23 de abril en toda a Atención Primaria.
A central sindical agarda que a administración acuda á xuntanza con vontade real de negociar a táboa reivindicativa e propor medidas que permitan chegar a acordos no ámbito da Atención Primaria, e non “vaia só a cubrir o trámite legal ao que está obrigada”.
Acordo insuficiente e discriminatorio nos PAC
A respecto do ‘decretazo’ dos PAC, a CIG-Saúde volveu demandar a súa retirada por tratarse unha medida sen negociación real e que agrava a precariedade das condicións de traballo. Non obstante, o SERGAS trasladou un acordo de condicións laborais e retributivas que recibiu o apoio de CSIF, CCOO e UGT.
A CIG decidiu non asinar este documento por resultar “claramente insuficiente” e constituír “un desprezo absoluto” ás demandas dun colectivo que leva meses mobilizándose contra esta modificación de horarios e por unhas condicións laborais dignas. Esta mesma mañá, coincidindo coa celebración da Mesa Sectorial, traballadoras e traballadores dos PAC concentráronse diante da Consellaría de Sanidade para evidenciar o seu rexeitamento ao decreto.
Neste senso, a CIG-Saúde esixiu a retribución do complemento de festividade para todas as categorías pola realización das quendas de sábado, e o pagamento dos complementos de quenda rotatoria complexa e de atención urxente para todo o persoal, sen exclusións. “Cuestións básicas de xustiza laboral que foron ignoradas pola administración e polos sindicatos asinantes”, critica a secretaria nacional, Ana Lestón.
Lonxe de atender estas reivindicacións, o SERGAS limitouse a ofrecer un chamado “programa especial” pola realización das 24 horas efectivas do sábado, cunha compensación económica insuficiente e discriminatoria, pois deixa fóra a quen non realice a xornada completa dese día e, ademais, carece de garantías, xa que poderá ser modificada ou incluso eliminada unilateralmente en calquera momento.
Para a CIG-Saúde resulta especialmente grave que CSIF, CCOO e UGT avalen un acordo que non resolve ningún dos problemas estruturais denunciados polo persoal dos PAC “e que contribúe a lexitimar unha política de recortes e imposicións por parte da Consellería”.
Imposicións ao persoal das urxencias hospitalarias
Con respecto ás condicións das medicas e médicos de urxencias hospitalarias, un colectivo que tamén se vén mobilizando para pedir melloras laborais, a Consellaría de Sanidade deu por rotas as negociacións “e impuxo de maneira unilateral unha serie de medidas que non atenden ás demandas fundamentais do persoal afectado”.
De feito, apunta Lestón, ningunha organización sindical apoiou o acordo presentado pola administración ao deixar fóra temas fundamentais como a exención das quendas de noite para maiores de 55 anos, a revisión real do cómputo de xornada, o recoñecemento da actividade non asistencial ou unha mellora retributiva acorde á carga e responsabilidade do posto de traballo.
Reivindicacións prioritarias que a CIG-Saúde recolleu e defendeu na Mesa Sectorial, pero que a administración decidiu ignorar impondo unha proposta “que non só non mellora a situación, senón que contribúe a aumentar o malestar dun colectivo sometido a unha presión asistencial extrema e a unhas condicións laborais cada vez máis deterioradas”.
Diante disto, ao igual que co decretazo de PAC, a CIG-Saúde demandoulle á Consellaría que rectifique, retome a negociación real e atenda as demanda do persoal sanitario para garantir unhas condicións dignas e unha atención de calidade á cidadanía.