CIG-Saúde mobilízase pola recuperación dos dereitos laborais e retributivos do persoal do SERGAS
A CIG-Saúde realizou este xoves unha concentración diante do Edificio Administrativo da Xunta en San Caetano para denunciar a precariedade laboral que sofre boa parte do persoal do SERGAS e demandar a recuperación dos dereitos laborais e retributivos. Ademais da protesta, a Federación de Saúde rexistrou un escrito dirixido ao presidente Feixoo reclamándolle que recoñeza e valore o traballo das/os profesionais da sanidade "os 365 días do ano, a través da recuperación dos acordos salariais, da carreira profesional e do Plan de Mellora da Atención Primaria, e non con esmolas para lavar a imaxe de cara ás próximas eleccións".
Esta protesta marca o inicio dunha campaña coa que a CIG-Saúde reivindica a convocatoria dunha mesa sectorial para negociar a recuperación dos dereitos roubados nestes anos e medidas que rematen coa precariedade e a inestabilidade provocada pola política laboral do Goberno de Feixoo.
Entre outras cuestións, explica a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, reclámase a eliminación da taxa de reposición e negociar un sistema identificativo do cadro de persoal do SERGAS que permita coñecer canto traballadores e traballadoras son fixos/as, interinos/as, eventuais cubrindo prazas estruturais, eventuais fóra de cadro de persoal, xubilacións. etc.; e que se convoque unha oferta de emprego co 100% das prazas para dar estabilidade ás/aos profesionais.
Xunto a isto, Abuín pediu a negociación dun calendario plurianual de recuperación salarial que se materialice a través dos orzamentos e que se lle abone ás traballadoras e aos traballadores do SERGAS a contía total do complemento específico que percibe o resto persoal da Xunta de Galiza.
Dereito a percibir a totalidade do complemento específico
"Se quere facer un recoñecemento real ao persoal do SERGAS, empece por devolverlle os salarios roubados desde o ano 2010 e deixe de ter secuestrado o acordo retributivo; ese que cualificaban como inmerecido", aseverou a secretaria nacional da CIG-Saúde. Neste senso, reivindicou do Goberno galego que siga cumprindo o acordo 2008-2012, "que recollía o compromiso dunha nova negociación no ano 2013 para acadar a contía do complemento específico que a Orde de nóminas da Xunta de Galiza recoñece para as empregadas/os públicos".
Precisamente, lembrou que Núñez Feixoo leva desde o ano 1996 (cando era Secretario Xeral da Consellaría de Sanidade), "negándonos o dereito a percibir as retribucións que nos corresponden pola nosa prestación de servizo. Queremos que nos explique por que nos castiga así", inquiriu.
Este o complemento, salienta Abuín, retribúe as condicións particulares dos postos de traballo en atención á dificultade técnica, formación, responsabilidade, perigosidade ou a penosidade, "pero aínda que tamén somos empregadas e empregados da Xunta, hai unha diferenza entre o plus que percibe o persoal do SERGAS e o persoal de categorías similares do resto da administración de entre 100 e 250 euros/mes".
"Dar estabilidade, desenvolver a carreira profesional, cubrir todas as prazas, recuperar os acordos retributivos ou acabar coa discriminación salarial, é o recoñecemento que por dereito lle corresponde ao persoal do SERGAS e non esmolas coas que agora Feixoo pretende eludir a súa responsabilidade sobre as condicións de precariedade na que traballa unha parte importante do persoal", concluíu.