CIG-Saúde Ferrol convoca concentración para demandar máis persoal en Atención Primaria e contra o protocolo XIDE
A CIG-Saúde de Ferrol ten convocada unha concentración para o martes 18 de abril diante do Ambulatorio Fontenla Maristany, ás 19 horas, en demanda de máis persoal para a Atención Primaria e para rexeitar o protoloco XIDE que o SERGAS vén de implantar. A federación critica que se está a deshumanizar a atención sanitaria e que dito procedemento vulnera o dereito á privacidade e á confidencialidade das persoas usuarias.
Cómpre explicar que o pasado 14 de marzo o SERGAS implantou o protocolo de Xestión Integral da Demanda en Equipo (XIDE). Sobre o papel, trátase dunha ferramenta que permitiría regular a accesibilidade da poboación que acode á Atención Primaria, dirixindo a demanda cara á/ao profesional que poida resolvela.
Máis na realidade trátase dunha triaxe encuberta, que obriga ao persoal de servizos e xestións (PSX) a especificar o “motivo de consulta” para poder dar a cita que demanda a persoa usuaria, sen ter en conta a vontade deste de comunicalo ou non, vulnerando o seu dereito de confidencialidade e privacidade.
Desta maneira, cando unha persoa se achega ao seu centro de saúde para pedir cita de xeito presencial ten que contar, diante dun mostrador, nun espazo aberto e, polo xeral, ateigado de xente, que é o que lle acontece, que tipo de doenza ten, dende cando lle doe, se lle doe algo, etc.
Ademais, non se impartiu formación regrada aos PSX, que incrementadas aínda máis as funcións que teñen que asumir e sen que haxa un reforzo de persoal nestas categorías (nas que hai persoal abondo nas listas de contratación) para atender a sobrecarga de traballo.
Un parche tras doutro
Ante as numerosas denuncias da CIG-Saúde por estas eivas, o SERGAS respondeu poñendo unhas pegatinas cun metro de distancia coa absurda idea de que, de pegatina a pegatina, non se escoitara. Despois, para sortear a vulneración dos dereitos, recomendoulle ao persoal administrativo que fixera a trampa de pór “ausencia de motivo”.
"Agora non só vulneramos a confidencialidade das persoas doentes, senón que se lle pide ao persoal administrativo que minta, que engane a un programa, en vez de recoñecer que o programa non serve máis que para sobrecargar o persoal, que require cinco veces máis tempo para dar unha cita que co anterior programa", denuncian dende a CIG-Saúde de Ferrol.
Ademais, subliñan do que o SERGAS non informa é que "se se fai esa trampa (ausencia de motivo) iso lévanos a unha lista de espera de 7, 10 ou 15 días, dependendo do centro de saúde".
Por iso, critican que o SERGAS gastara os cartos en poñer nos centros unhas máquinas para sacar unha cita e así non chamar as usuarias e usuarios polo seu nome, xa que esta práctica vulnera a lei de protección de datos, pero non considera que se vulnera ningún dereito cando se lle pide ás persoas usuarias que diante do resto de persoas conten que lle ocorre.
"Agora para acabar de rematala o SERGAS anuncia a posibilidade de poñer outras máquinas tipo “caixeiro automático” para que as usuarias e usuarios poidan contarlle o que lle sucede á maquina. Así empezaron os bancos, e agora todo se fai dende os caixeiros, pecharon oficinas e despediron persoal, ese é o futuro que queremos para a nosa Atención Primaria?", pregunta CIG-Saúde Ferrol.