A falta de subministros pon en risco o funcionamento dos centros sanitarios de Lugo, A Mariña e Monforte
A CIG-Saúde de Lugo, A Mariña e Monforte denuncia a xestión “ineficiente, irresponsábel e restritiva” que está a desenvolver a xerencia de Lugo en relación coa subministración de materiais aos centros sanitarios, ao aplicar unha política de recortes e austeridade que repercute directamente no bo funcionamento destes e na calidade na atención ás persoas doentes.
A central sindical leva moito tempo recibindo queixas das persoas traballadoras de Atención Primaria e Hospitalaria no sentido de que se están a enviar cantidades moi inferiores ás solicitadas e de que desde a subdirección de recursos económicos se está a acusar as persoas traballadoras de facer pedidos de materiais excesivos para despois deixalos caducar. Porén, explican, “a realidade é que desde os centros sanitarios pídese material segundo as necesidades, pero ese material non chega nas cantidades axeitadas, obrigando ao persoal a facer “malabarismos”, ter que solicitar préstamos a outros centros, e incluso pedir cantidades superiores para que envíen un número de unidades máis próximo ás necesidades reais ou facer acumulación do material para garantir que vai haber existencias cando é preciso”.
Negativas continuas e faltas de respecto
A CIG-Saúde sinala que ten coñecemento tamén “de que cando as persoas traballadoras se dirixen ao subdirector de recursos económicos para tratar de solucionar os problemas que xorden coa remisión de materiais aos centros, só reciben por parte do directivo respostas inadecudas, con faltas de respecto, comentarios desapropiados e mesmo berros como resposta, a maiores de non solucionar o problema, substituíndo a súa absoluta incompetencia con comportamentos incompatíbeis co desempeño do seu cargo”.
Para máis abundar, a CIG-Saúde xa denunciou que este subdirector adiou “de xeito premeditado durante moitos meses” o envío de materiais derivados de informes para a adaptación de posto de traballo emitidos polos servizos de prevención de riscos laborais, poñendo dificultades na súa tramitación e tardando mais dun ano no seu envío.
“O material solicitado so se efectúa pola insistencia das persoas traballadoras, que por enriba teñen que soportar as saídas de ton deste directivo”, advirten. A CIG-Saúde considera totalmente inadmisíbeis estes comportamentos que poñen en risco a saúde do persoal, incumprindo os protocolos de prevención de riscos laborais.
A este respecto, lamentan a “permisividade e o coñecemento do xerente, que actúa como cómplice necesario”. Por iso, a CIG-Saúde de Lugo, A Mariña e Monforte solicita o cesamento inmediato destes comportamento cara ás persoas traballadoras, así como “a reprobación por parte da xerencia a este directivo, que asemade debe pedir desculpas públicas ao conxunto das persoas traballadoras. No caso de non producirse esta rectificación pública esiximos o cese inmediato do subdirector de recursos económicos”.
Planificación anual das necesidades reais de cada centro sanitario.
Neste contexto, a CIG-Saúde considera que existe unha falta de planificación e revisión das necesidades de material en cada centro de traballo, que deberían ser avaliadas de xeito periódico e individual en cada centro sanitario. Isto é así, apuntan, porque hai múltiples factores que inciden e mesmo poden alterar as necesidades, como a idade da poboación, a carteira de servizos, a demanda de atención sanitaria por parte da poboación, o tipo de patoloxías crónicas e agudas que se atenden, etc. Esta casuística, que pode ter certas diferencias en función do territorio, “debe ser factor fundamental na xestión das subministracións de xeito individualizado”, valoran.
Polo tanto, a CIG-Saúde exíxelle á xerencia da área sanitaria que se implemente unha plan de revisión e avaliación anual das subministracións, centro por centro, para deste xeito adaptalas ás necesidades reais de cada un.