CIG-Saúde exixe un cambio no manexo dos casos positivos e facerlles inmediatamente a seroloxía cuantitativa (ELISA)
A consellaría de Sanidade remitiu onte a Atención Primaria un protocolo para facer un estudo de seroprevalencia a fin de coñecer a circulación deste coronavirus entre a poboación galega. Un protocolo anunciado por Feixóo nos medios de comunicación sen que se informara previamente ás/aos profesionais de Atención Primaria e, como sempre, sen ter en conta a súa opinión. Considera en todo caso positivo que se faga ese estudo, mais demanda un cambio no manexo dos casos positivos de covid-19 e que se lles faga de inmediato a seroloxía cuantitativa (ELISA), ou cando menos uns test rápido de IgG e IgM, para “dar máis certeza e tranquilidade ás e aos doentes”.
A CIG-Saúde subliña que desde a Atención Primaria sempre se estivo a facer o maior esforzo para colaborar e participar na solución desta pandemia, mais denuncia que “a realidade é que as/os profesionais deste ámbito de asistencia, fundamental nun sistema público, sempre estiveron fóra da toma de decisión e esquecidos pola consellaría de Sanidade”.
Estudo de seroprevalencia
Neste sentido, sinala que o estudo de seroprevalencia pode ser correcto para coñecer a situación da infección na poboación, pero lembra que despois de facer a proba hai que dar a información do resultado. “Nese momento xa non se está a facer un estudo senón que, desde a Atención Primaria estase a comunicarlle as/os doentes un resultado”, explica a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, quen engade que “non se pode considerar á poboación como simples números, senón que son persoas concretas que confían nas/os profesionais do seu centro de saúde”.
Xunto a isto sinala que segundo o protocolo do estudo, se a persoa ten un resultado positivo comunicaráselle se está infectada, xa pasou a enfermidade ou é positivo asintomático e indicaráselle se ten que facer illamento durante 14 tanto ela como os seus contactos.
O que non se lle vai dicir, segundo denuncia a CIG-Saúde, é se pode contaxiar ou non “e entón pode celebrar unha festa”, indica Abuín. Por iso considera que “non é aceptable informar dun positivo e transmitir preocupación a unha persoa cando neste momento hai medios para poder facer un diagnóstico moito máis axustado e dicirlle algo máis claro”.
Por iso demanda cambiar o manexo destes casos positivos e facerlles inmediatamente a seroloxía cuantitativa (ELISA), para poder darlle “certezas e tranquilidade aos pacientes” e que se aplique canto antes un plan de determinación das seroloxías cuantitativas a todas/os as/os traballadoras/es da sanidade.
Especificación de EPIS
Para a CIG-Saúde tampouco é tolerable que no Protocolo se diga que as e os profesionais “utilizarán o EPI que corresponde”, sen especificar cal é. Fronte a isto demanda un protocolo específico de saúde laboral no que se indique cal debe ser o equipo de protección individual que corresponde utilizar en función da exposición ao risco de cada caso, previa formación de como utilizalo.