CIG-Saúde exixe un cambio na política sanitaria do SERGAS e unha Atención Primaria digna
A CIG-Saúde vén de lanzar unha campaña en demanda dun cambio na política sanitaria do SERGAS. Lembra que o persoal de Atención Primaria leva anos demandando traballar nunhas condicións dignas, con seguridade para a súa saúde e a da poboación. Denuncia que “para que isto é preciso dispor dos recursos humanos e materiais necesario e que a súa opinión clínica estea por riba de intereses políticos”.
“As e os profesionais sanitarios queren facer ben o seu traballo, atender á poboación con todas as garantías de seguridade. Só falta que o SERGAS tamén queira”, asegura a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.
Lembra que desde 2009 vense reclamando un plano de Atención Primaria que dea resposta ás demandas das e dos profesionais para poder atender con dignidade as necesidades de saúde da poboación. Denuncia que, porén, a resposta do SERGAS a esta demanda foi “eliminar postos de traballo na Atención Primaria, con xubilacións obrigatorias aos 65 anos, sen incorporar as prazas MIR para garantir a reposición”. Isto xunto coa supresión das xerencias de Atención Primaria e o seu orzamento e a eliminación “da capacidade clínica das profesionais dificultando a derivación de doentes á atención hospitalaria e a solicitude de exploracións complementarias”.
Anulouse deste xeito, segundo Abuín, a capacidade resolutiva e colapsouse a primaria. Unha situación que se viu agravada coa chegada da COVID-19 e evidenciou todas as deficiencias que tiña a Atención Primaria. “Como consecuencias empeoráronse as condicións laborais do persoal e, sobre todo, empeorouse a asistencia sanitaria que se presta”.
Consulta telefónica como única resposta do SERGAS
A CIG-Saúde denuncia que a única resposta que foi capaz de dar o SERGAS ante este colapso foi a consulta telefónica, isto é, a prestación sanitaria a través das chamadas de teléfono. “Intentaron maquillar a ausencia de profesionais así intentando, ademais, responsabilizar ao persoal da situación de colapso, da imposibilidade de acceso para conseguir unha cita e listas de agarda de máis de 10 días”.
Abuín asegura que non rexeitan a “consulta telefónica” como unha ferramenta máis a utilizar na prestación sanitaria que, ademais, neste momento de pandemia permite organizar a demanda, “pero como unha ferramenta máis, non a única”, insiste. Neste sentido subliña que esta consulta telefónica “non se fai soa, precisa de profesionais co tempo suficiente, dispoñibilidade nas axendas para redirixir ás consultas presenciais e medios técnicos”.
“As importantes listas de agarda confirman o déficit de persoal e medios en Atención Primaria”
Para a secretaria nacional de CIG-Saúde, as dificultades de acceso ás citas e o incremento das listas de agarda veñen confirmar a falta de profesionais na Atención Primaria. Por iso a CIG Saúde demanda do SERGAS que “deixe de estar ausente nos problemas das súas profesionais e da sanidade galega” e que escoite o que este persoal ten que dicir respecto da situación na que se atopa a Atención Primaria.
Quere que se publiquen dunha vez as conclusións dos grupos de traballo constituídos por profesionais da sanidade pública e que o SERGAS atenda as súas propostas de mellora da Atención Primaria. Isto xunto coa convocatoria inmediata da reunión solicitada para concretar a ordenación dos Recursos Humanos, imprescindíbel para identificar as necesidades de profesionais e rematar coa precariedade laboral.
María Xosé Abuín advirte ademais que “desde a CIG-Saúde non imos cesar até conseguir estas reivindicacións” e adianta que “utilizaremos todas as medidas de presión necesarias. Non imos consentir que a atención empeore día a día responsabilizando as profesionais da situación”.