CIG-Saúde exixe que a nova clasificación profesional teña efectos retributivos

Advirte de que iniciará un calendario de mobilizacións se non se incorpora esta demanda fundamental
Nacional - 19 Mai 2025

A CIG-Saúde reclama ao Ministerio de Sanidade que a nova clasificación profesional, en proceso de negociación dende hai máis de dous anos, teña efectos retributivos reais e non se limite a un cambio de nomenclatura. A central sindical considera “inaceptable” que, despois de tanto tempo, o Ministerio manteña unha proposta sen impacto económico para o persoal da sanidade pública.

A CIG-Saúde advirte que, se no próximo borrador –previsto para dentro de dúas semanas– non se incorpora esta demanda fundamental, iniciará un calendario de mobilizacións en defensa dos dereitos laborais e salariais do persoal do Sistema Público de Saúde.

Na reunión celebrada o pasado 14 de maio, o Ministerio comprometeuse a presentar nun prazo dunha semana unha proposta sobre o réxime de xornada e descansos.

Para a CIG-Saúde este é un dos temas clave da negociación, e agarda avances significativos, como o recoñecemento das gardas localizadas no cómputo horario e de descansos, así como a redución da xornada máxima semanal. O outro tema chave para CIG-Saúde é a regulación básica da xubilación anticipada e parcial no Estatuto Marco.

A seguinte reunión co Ministerio terá lugar o vindeiro 26 de maio. A CIG-Saúde xa advertiu que, de non haber avances reais nas cuestións prioritarias para o colectivo, activará mobilizacións para esixir un Estatuto Marco actualizado que mellore as condicións laborais das traballadoras e traballadores da sanidade pública.

“As e os profesionais da sanidade pública merecen un marco normativo xusto, que recoñeza o seu labor e mellore as súas condicións salariais e laborais”, afirmou a organización sindical.