CIG-Saúde exixe ao SERGAS medidas ante a previsíbel falta de persoal en Atención Primaria en decembro
CIG-Saúde exixe do SERGAS e da consellaría de Sanidade a convocatoria inmediata, en cada EOXI, dunha comisión técnica para planificar as medidas a adoptar no mes de decembro en atención primaria. Advirte de que durante o Nadal haberá ausencias de persoal por vacacións e días libres aos que teñen dereito, que isto vai coincidir coa vaga de gripe –que tamén afecta ás/aos profesionais- e que “non se pode repetir a situación xerada no verán”.
A CIG-Saúde reclama ademais que as organizacións sindicais formen parte desas comisións nas que entende que se teñen que analizar, entre outras cuestións, cantas traballadoras e traballadores van gozar de vacacións ou días libres nese período; cales son as previsións de baixas por enfermidade das e dos profesionais; como incidiu a gripe no número de consultas dos anos anteriores nos centros de saúde, nos PACs e nos domicilios e todas as cuestións que teñan relevancia na planificación dos recursos humanos e de asistencia.
Medidas a adoptar
Entre as medidas a adoptar, a CIG-Saúde propón a oferta dun contrato continuado de afectación a todos os colectivos, para a cobertura de ausencias desde o 1 de decembro até que descenda a vaga de gripe.
Xunto a isto, e de non existir persoal suficiente nalgún colectivo, considera que se debería ofertar a prolongación de xornada. Ademais, demanda que as ofertas de traballo en PACs leven implícita a retribución de nocturnidade e festividade.
No referente a atención ordinaria o obxectivo é que non se pechen axendas e, polo tanto se dean citas todos os días e evitar a intersubstitución, que é que as e os profesionais vexan durante a súa xornada de traballo ademais das/dos doentes do seu cupo as/os citados para a compañeira ou compañeiro ausente.
Para a CIG-Saúde, o que non pode facer o SERGAS é agardar a ofertar a cobertura das ausencias cando xa non haxa persoal dispoñible, porque as/os profesionais teñen ofertas na sanidade privada que melloran as condicións de traballo da sanidade pública.