Exixen ao conselleiro de Sanidade unha xuntanza urxente para abordar a situación de POVISA
CIG-Saúde vén de dirixir un escrito ao conselleiro de Sanidade no que exixe ter hoxe mesmo a confirmación dunha convocatoria de reunión para abordar a situación de POVISA. A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín denuncia que “estamos a sufrir a maior falta de respecto por parte desa consellaría e do seu máximo responsable, á organización sindical maioritaria na sanidade pública”.
Abuín lembra que dentro do marco de Relacións Laborais e Institucionais, “un factor importante é o respecto mutuo á representación que tanto as/os traballadoras/es lle outorgan ás organizacións sindicais, como o respecto á representación política”.
Denuncia que, porén, malia ter presentado un escrito con rexistro de entrada con data do 8 de outubro, solicitando unha reunión co conselleiro de Sanidade para abordar a situación de POVISA, non houbo resposta.
Lembra que con data de 22 de outubro, ante a falta de resposta desa consellaría, un grupo de delegadas/os de CIG-Saúde intentaron que o Conselleiro de Sanidade confirmase unha data de reunión para abordar a grave situación por mor do que está a acontecer na área sanitaria de Vigo. “Ese día, 22 de outubro, tivemos unha conversa co Xerente do Sergas, na que se comprometeu a que antes de rematar a semana do 27 de outubro recibiriamos a convocatoria de reunión, para poderse celebrar nun prazo de 15 días”.
Sen noticias
Porén, a día de hoxe, 28 de outubro, a CIG-Saúde denuncia que non recibiu convocatoria de reunión algunha, polo que exixe que o Conselleiro de Sanidade “cumpra coas súas obrigas de reunirse coa organización sindical maioritaria na sanidade pública, ao igual que se reúne con organizacións que nin sequera teñen representación”, subliña a secretaria nacional de CIG-Saúde.
Unha confirmación de data de xuntanza que a CIG-Saúde pide que se lles remita hoxe mesmo, agardando “que se manteña o respecto da representación sindical que as/os traballadoras/es elixiron”.