CIG-Saúde exixe ao conselleiro de Sanidade o cumprimento dos acordos asinados o 8 de maio
A CIG-Saúde vén de remitir un escrito ao conselleiro de Sanidade no que demanda o cumprimento dos acordos asinados o pasado 8 de maio. A secretaria nacional, María Xosé Abuín, lembra que na xuntanza celebrada o pasado día 14 deste mes para constituír o Consello, o SERGAS presentou o que, desde a administración, se considera o Plan Galego de Atención Primaria xunto con 200 medidas que se van a aplicar. Medidas que, denuncia “non sabemos se son pechadas” e que porían en cuestión a utilidade do Consello Técnico.
Por iso a CIG-Saúde exixe que a consellaría remita a todas as organizacións sindicais que integran o Consello, ese documento de medidas para poder presentar alegacións, incorporando novas propostas ou modulando as xa existentes e “que non se ralentice a implantación de ningunha das medidas –tan necesarias para a mellora da atención primaria- pola falta de operatividade do Consello Técnico”, sinala Abuín.
Ademais, a secretaria nacional subliña a necesidade de que na xuntanza prevista para o vindeiro día 13 de xuño se aproben as comisións técnicas necesarias para o desenvolvemento das medidas a executar na atención de primaria.
Entre outras sinala a creación dunha comisión técnica sectorial para a elaboración dun Plan de Ordenación de Recursos Humanos no que se identifiquen as necesidades e se propoñan as solucións.
Isto xunto á creación de grupos de traballo de cada unha das categorías que deben formar parte das equipas da atención primaria para que elaboren a súa carteira de servizos, protocolos, guías e o plano de formación necesario: enfermeiras/os, médicas/os, farmacéuticas/os, psicólogas/os, fisioterapeutas, matronas, PXS...
Grupo de traballo multidisciplinar
A CIG-Saúde demanda ademais a creación dun Grupo de Traballo Multidisciplinar, no que participen médicas/os, enfermeiras/os, matronas, fisioterapeutas, terapeutas ocupacionais, psicólogas/os, PSX… “para acordar entre todas/os o seu modelo de consultas e definir conxuntamente o mapa de competencias”.
Neste sentido, a secretaria nacional entende que “non todo ten que pasar pola consulta médica” e considera que, deste xeito “diminuiría a presión que hai sobre este persoal”.
Para a CIG-Saúde tamén é necesario que se cree un grupo de traballo de persoal facultativo no que se analice a relación de atención primaria e atención hospitalaria “para establecer conxuntamente e en pé de igualdade, a relación entre as/os profesionais dos dous niveis de asistencia que permita, mediante o consenso, organizar a derivación de doentes, e a implantación dos programas asistenciais tendo en conta as necesidades das/os doentes”.
A secretaria nacional apunta tamén que as xerencias que teñan establecidos nos seus plans estratéxicos ou funcionais un esquema de relación entre a atención primaria e hospitalaria, realizados mediante consenso de profesionais dos dous ámbitos asistenciais, “teñen que aplicar, de inmediato, o recollido nos seus plans”.
Xerencia de Atención Primaria
Crear de inmediato a xerencia da atención primaria que permita ter un equipo de interlocución e de execución dos proxectos da atención primaria é tamén prioritario para a CIG-Saúde que exixe ademais que os orzamentos de 2020 recollan por diferenciado a orzamento que se destinará á Atención Primaria.