A CIG-Saúde exixe a equiparación salarial para o persoal do Sergas
A CIG-Saúde vén de exixir novamente da consellaría de Sanidade que sente xa a negociar a recuperación dos acordos de equiparación salarial asinados na mesa sectorial do SERGAS que levan conxelados desde o ano 2010. A secretaria nacional, María Xosé Abuín, lembra que vén de asinarse un acordo de integración no V Convenio colectivo único da Xunta de Galiza do persoal do Consorcio que leva implícito un acordo de equiparación salarial secuenciado en cinco anos.
“Non aceptamos que a consellaría de Sanidade afirme que non podemos sequera sentar a negociar un calendario de recuperación dos acordos por cuestións supostamente orzamentarias, cando noutros ámbitos da administración, Función Pública si asina e Facenda habilita as partidas necesarias para autorizar os incrementos salariais que permitan ao persoal do Consorcio dignificar as súas retribucións e condicións laborais”, explica.
Abuín dá os parabéns ao persoal do Consorcio por ter conseguido esas melloras pero denuncia a actitude tanto da Xunta, como da consellaría de Sanidade e da de Facenda por negarse, de forma reiterada, a dignificar tamén as condicións laborais e salariais do persoal do SERGAS.
“Estamos falando de acordos de equiparación salarial asinados polo bipartito en 2008 e conxelados en 2010 que pretendían que as retribucións das traballadoras e traballadores do SERGAS estivesen na media do que percibe o persoal do resto de servizos de saúde do conxunto do Estado, respecto aos que seguimos á cola”.
A secretaria nacional da CIG-Saúde sinala que estes acordos contemplaban a retribución de, entre outras cuestións, a penosidade por traballo a quendas, nocturnidade, festivos, gardas e demais cuestións laborais que son específicas do persoal da sanidade pública galega.