CIG-Saúde exixe a inmediata negociación das condicións das Matronas de Atención Primaria
En 1993 publicouse o Decreto, do 29 de xullo, de Ordenación da Atención Primaria en Galiza, que regula as retribucións de todo o persoal de Atención Primaria agás as Matronas. CIG-Saúde lembra que, en todo caso, na disposición transitoria cuarta, ese decreto contemplaba que “o Consello da Xunta de Galiza regulará o réxime xurídico e retributivo das prazas de enfermería obstétrico-xinecolóxicas”. Denuncia que porén, 26 anos despois, a consellaría “non tivo tempo de presentar ningunha proposta de réxime xurídico para este colectivo”.
Esta situación, que a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, se pregunta se se debe a que “todo o relacionado coa saúde da muller ocupa un lugar secundario”, provoca que o sistema retributivo deste colectivo estea baseado nun mapa sanitario do ano 1989, que non recolle a poboación actual dos concellos.
“Un sistema retributivo que condena ás matronas a perdas retributivas de máis de 100€ ao mes cando cambian de concello, aínda que teñan máis tarxetas sanitarias”, denuncia Abuín quen engade ademais que “non recoñece os conceptos que se pagan a outros colectivos”, entre os que salienta: número de tarxetas sanitarias, dispersión, illamento… ou a prestación de servizo en diferentes concellos con importante distancia entre si.
Ademais, CIG-Saúde considera que este sistema retributivo é inxusto, porque non recoñece a carteira de servizo actual que realizan as matronas, é dicir, a atención sanitaria que prestan. Unha disfuncionalidade “xa que a poboación dos concellos mudou moito desde o ano 1989, e que se agrava ao non ter desenvolvido o pago de TIS”.
CIG-Saúde chama a atención ademais no feito de que, por non ter, non teñen sequera unha ratio de mulleres a atender por matrona.
Material obsoleto
A secretaria nacional de CIG-Saúde engade a isto que tamén as necesidades de material das consultas das matronas quedaron fóra do plano de dotación que se está a facer na Atención Primaria.
Neste sentido sinala que “algunhas das padiolas de exploración son tan arcaicas que parecen de museo e dificultan enormemente o traballo a realizar nas exploracións ás mulleres”.
Por iso lamenta que dos 8 millóns de euros que a consellaría de Sanidade di que está a destinar á dotación de material, ninguén se lembrase de recoller as peticións das matronas.