CIG-Saúde esixe a retirada inmediata do XIDE porque provoca máis problemas que beneficios
O XIDE (Xestión Integral da Demanda en Equipo) é unha ferramenta de xestión imposta polo SERGAS, que non tivo en conta a opinión da maioría do persoal de servizos xerais (PSX) que é que a ten que aplicar, nin no seu deseño nin na súa funcionalidade.
A grande maioría do persoal das áreas administrativas de Atención Primaria rexeita o XIDE como ferramenta para xestionar as citas para acceder ás consultas das e dos distintos profesionais da Atención Primaria e tamén para a xestións das demandas urxentes e sen cita que se producen cada día nos Centros de Saúde.
Esta ferramenta supón unha importante sobrecarga de traballo:
- Enlentece o traballo no momento de dar a cita, xerando colas enormes diante dos mostradores.
- Obriga a ter que preguntar e concretar o motivo de consulta referido polas persoas que chaman ou acoden aos centros, sen garantir a súa confidencialidade.
- Limita a autonomía do/a PSX na xestión das citas, impedindo que poida facer valer o criterio de urxencia tanto do/a propicia PSX coma da persoa usuaria.
Os/as PSXs manifestan tamén, segundo a CIG-Saúde, a súa preocupación pola inseguridade xurídica na que se atopan, especialmente nas demandas de consulta urxente e sen cita para o mesmo día.
A CIG-Saúde xa denunciara no Consello técnico de Atención Primaria celebrado o 16 de febreiro de 2022, no que foi presentado o XIDE, que “as áreas administrativas dos centros de saúde están infradotadas de persoal, que faltan PSXs, e que ademais, non garanten a privacidade das persoas usuarias, incluídas as dos centros de saúde de nova creación”, explica o secretario nacional, Manuel G. Moreira.
Tamén vén denunciando que nos últimos anos son múltiples as funcións e programas informáticos que asumiron as e os PSXs, e que o tiveron que facer sen recibir a formación necesaria, sen ter unha persoa de referencia para consultar as dúbidas, e, sobre todo, sen incorporación de máis persoal estable nos Centros de Saúde.
Por iso, a CIG-Saúde entende que a Administración Sanitaria debe retirar o XIDE e abrir un proceso de escoita ás e aos profesionais da Atención Primaria para organizar e pór en marcha un sistema de xestión da demanda nos Centros de Saúde que contemple a visión do persoal das áreas administrativas e que permita acordar un procedemento de xestión das citas e das demandas de consulta urxentes, tanto presenciais como telefónicas.