A EOXI de Pontevedra limita o dereito ao goce das vacacións "para aforrar contratacións no verán"
A CIG-Saúde rexeita a decisión unilateral da dirección da EOXI Pontevedra-Salnés de rachar co acordo existente dende o ano 2005 sobre o período ordinario de goce das vacacións nos meses de xullo a setembro, e dos acordos de rotacións entre traballadores/as dos diferentes servizos para coller as vacacións nese período.
"O argumento da dirección de que en determinadas categorías existan dificultades para cubrir as vacantes non o poden utilizar como escusa para restrinxir os dereitos do conxunto do persoal", sinalan dende a CIG-Saúde de Pontevedra. A decisión de aumentar nun mes máis o período de goce das vacacións (xuño a setembro) suporá unha menor contratación nese período e non está garantida a mellora na contratación para o persoal das listas "como a administración quere facer crer".
Pola contra, para a CIG-Saúde esta medida ten máis que ver co peche de camas que coa falta de profesionais, pois "deste xeito o persoal excedente dos servizos pechados substituirá o persoal de vacacións do resto dos servizos".
Contratacións en precario
Cabe lembrar que as categorías que a administración define como deficitarias son consecuencia directa da política de contratación do SERGAS: contratos en precario e sen garantías obrigan as/os profesionais a marchar á empresa privada e a outros servizos de saúde, ou a solicitar a suspensión de chamamentos "porque senón non teñen vida familiar".
Neste senso, aclaran que "a pesar de que dirección insinúa nos medios de comunicación de que conta co beneplácito do persoal, está lonxe da realidade. O que existe é moito cabreo por parte dos/as profesionais con esta medida".
A CIG considera que esta medida ten máis que ver con recortar en contratos de persoal (medida exclusivamente económica) que coa falta de profesionais, "pois pechar camas durante catro meses ou máis implica que o persoal fixo excedente cubrirá as vacacións do resto do persoal.
Afondar na desmotivación
Esta decisión, advirte CIG-Saúde, afondará máis "na apatía e desmotivación dos/as profesionais que ven como día a día a súa situación laboral se deteriora. As e os profesionais son quen están a dar a cara e a implicarse de cheo nunha situación de deterioro do Sistema Sanitario Público Galego", aseveran.