CIG-Saúde denuncia un novo incumprimento do contrato de servizo de transporte sanitario aéreo do 061
A CIG-Saúde vén de denunciar, un ano máis, o incumprimento do contrato do servizo de transporte sanitario aéreo do 061. O contrato formalizado en 2019 establece que o período de servizo será todos os días do ano de orto a ocaso. Dende o pasado día 19 de marzo o período entre orto e ocaso supera as 12 horas de luz, porén o servizo prestase só por 12 horas ante a falta de pilotos para cubrir todo o horario do contrato.
Hoxe o día 21 o día durará 12 horas e 11 minutos e o próximo domingo durará 12 horas e 25 minutos en Santiago de Compostela, sen que se saiba até cando a falta de pilotos suficientes fará incumprir o contrato asinado ente a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061 e Eliance Global Services, S.L, concesionaria do servizo .
Esta situación xa foi denunciada o ano pasado e volve suceder de novo este ano, o que para a CIG-Saúde, “fala as claras das poucos ganas e interese que a dirección do 061 pon no seguimento deste contrato”.
Ademais do propio incumprimento do contrato, esta circunstancia supón “un prexuízo para as e os usuarios do Servizo Galego de Saúde, que “quedarán privados deste medio de atención ás emerxencias nas últimas horas do día”.
Este incumprimento, apunta a CIG-Saúde, afecta tanto ao helicóptero con base en Santiago de Compostela como ao que ten base en Ourense.