CIG-Saúde denuncia que se mantén o recorte de horarios no servizo de helicópteros de emerxencias
A CIG-Saúde subliña que os custos de garantir a operatividade dos helicópteros do 061 todas as horas de día serían ridículos, o soldo dun piloto e dun copiloto. Mentres que é inxente o gasto que supuxo a construción do edificio da Estrada e o que ocasionará o traslado dos operativos e do propio persoal do 061 e do 112 a esa nova sede.
Lembra que o servizo ten máis de 25 anos e denuncia que foi cando se traspasou ao 061 cando se reduciu o horario operativo, xa que até ese momento estaba dispoñíbel de orto a ocaso, isto é, todas as horas de luz.
A CIG-Saúde salienta ademais que as comunidades autónomas que usan o sistema das 12 horas, que logo implantou en Galiza o 061, teñen cando menos 3 helicópteros, así que os que quedan operativos cobren o que pecha. Neste sentido, aseguran que se aquí se puxera o terceiro do que tantas veces se falou, na zona de Lugo (pensouse en Vilalba), podería ser factíbel ese horario deslizante, “pero con un en Santiago e outro en Ourense que ninguén diga que a costa da Morte está cuberta despois de que pecha Santiago”.
A CIG-Saúde chama tamén a atención sobre o feito de que estes horarios afectan principalmente ao período estival, cando hai máis afluencia ás praias e cando o tráfico desde a costa cara o interior é máis intenso. “Cremos que non contar con ese medio é unha vergonza”, din.
Comeza a operar o novo servizo de helicópteros do 061 recortado en medios e horas pero máis caro