CIG-Saúde denuncia que Sanidade mantén Galaria como “retiro dourado” da anterior conselleira
O goberno do PP creou as Estruturas de Xestión Integrada (EOXI) en todas as áreas sanitarias como garante da coordinación e integración de todos os servizos baixo a dirección e control dunha mesma xerencia, co argumento de que con isto se potenciaba pór a/o doente como centro do sistema. Porén, o que fixeron foi, baixo estas EOXI desmantelar as Xerencias de Primaria, modificaron a Lei de Saúde para eliminar as áreas sanitarias mentres manteñen que empresas como Galaria sigan a xestionar servizos da área sanitaria de Vigo.
Así o denuncia a CIG-Saúde, que sinala que Galaria xestiona, en concreto, a unidade de oncoloxía e radioterapia, a unidade de medicina nuclear ou a unidade de radiofármacos de Galiza, dificultando así que na área de Vigo se produza unha integración real de todos os servizos que teñen que ver co tratamento oncolóxico.
Aberración asistencia
Na mesa sectorial convocada para este mércores proponse un decreto de integración da resonancia magnética na EOXI de Vigo, “unha das aberracións asistenciais que agora pretenden corrixir parcialmente, porque o servizo de radioloxía do CHUVI estaba fragmentado. Era unha demanda que viñan facendo de forma reiterada as e os profesionais deste servizo”, sinala a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, quen lembra que desde a central sindical tamén se denunciou, en repetidas ocasións, “esta anomalía”.
Por iso, a CIG-Saúde exixiu, na mesa sectorial, a integración total da resonancia magnética e do seu cadro de persoal na Xerencia de Vigo, a integración das unidades móbiles de resonancia magnética nas súas áreas sanitarias correspondentes e a integración de todos os servizos asistenciais que xestiona Galaria na EOXI de Vigo “para que realmente haxa unha integración real dos servizos que permita o seu desenvolvemento en función das necesidades das e dos doentes desta área”.
Sen contar as necesidades de profesionais
A proposta de integración que fai a Consellería de Sanidade nin sequera ten en conta as necesidades de profesionais para dar servizo ás resonancias magnéticas fixas, que son as únicas que se integran, quedando a EOXI de Vigo cun déficit de 7 especialistas en radiodiagnóstico, mentres que deixa en Galaria 6 sen integrar.
Para CIG-Saúde, manter unha unidade de radiodiagnóstico en Galaria abre a porta a que intenten recuperar o modelo de “anel radiolóxico” que foi xa rexeitado pola maioría das e dos profesionais, por separar aos especialistas en radioloxía dos profesionais asistenciais que solicitan as exploracións.
Abuín entende que a única xustificación da consellaría de Sanidade para que Galaria siga a xestionar servizos sanitarios en contra da normativa publicada polo propio goberno do PP, á fronte da Xunta de Galiza, relativa á creación das EOXIS ou a modificación da Lei de Saúde de Galiza “é garantir un posto para a anterior conselleira, Rocío Mosquera”.
Para a secretaria nacional de CIG-Saúde, “non se pode priorizar manter o postos de designación política por riba do normal funcionamento dos servizos nun sistema sanitario público”. Por iso exixiu a inmediata integración de todos os servizos sanitarios na EOXI de Vigo ou nas áreas sanitarias correspondente”.