CIG-Saúde denuncia que o SERGAS vulnera a protección de datos de doentes da área sanitaria de Santiago
Camilo Agulleiro, delegado da CIG-Saúde, explicou que o pasado mes de decembro dirixiron unha queixa á Xerencia de Santiago expoñendo que, agás no Concepción Arenal, nos restantes centros de saúde da área sanitaria, centros hospitalarios (Hospital Clínico, Hospital de Conxo, Hospital do Barbanza, Gil Casares e Psiquiátrico) e nos Puntos de Atención Continuada, os chamamentos das e dos doentes realízanse a viva voz.
“Enúnciase o seu nome e apelidos, podendo ser identificados por todos os alí presentes, sendo posíbel entón asociar a ese paciente cunha patoloxía determinada en función da consulta na que se atope esperando”, sinala Agulleiro.
Con todo, a CIG-Saúde de Compostela considera “inaceptábel” a resposta da Xerencia, que recoñeceu os feitos mais xustificou esta situación explicando que “o chamamento público de doentes, trae causa do funcionamento tradicional das institucións sanitarias, e está sendo substituído e mellorado progresivamente polo sistema numérico aproveitando a creación ou reestruturacións que se van realizando nos distintos dispositivos asistenciais”.
A isto engadía que “en calquera caso, os chamamentos públicos de doentes, debe considerarse amparado no consentimento presunto dos interesados aceptado pola súa voluntaria asistencia aos centros sanitarios”.
Para o delegado da CIG o SERGAS non pode xustificar esta situación alegando que existe unha “tradición” pola que a xente renuncia á súa intimidade ao acceder ás consultas sanitarias públicas. Entende ademais que é “unha burla” considerar que as e os pacientes darían o seu consentimento tácito a que se cedesen os seus datos polo simple feito de acudir á consulta.
Agulleiro lembrou ademais que xa en 2002 a Audiencia Nacional considerou dato persoal aquel contido que permita sen grandes esforzo a identificación das persoas ás que se refire o dato e afirmou que “é evidente que cando se chama por megafonía a un doente que se atopa nunha consulta, estanse subministrando datos médicos a terceiras persoas que se atopen no recinto, xa que é presumíbel que padece esa enfermidade”.
O representante da CIG-Saúde, que compareceu acompañado polos tamén delegados da CIG-Saúde Xosé Manuel Marcote e Xavier Alvedro, sinalou que o que demandan é o establecemento dun sistema de disociación, que non permita a identificación da persoa, tal e como o que está funcionando no centro de Saúde Concepción Arenal, na Seguridade Social ou en Facenda.
Ademais, diante da resposta do SERGAS demandan da Axencia de Protección de Datos a apertura dun expediente sancionador o que podería supor, de se considerar que houbo vulneración dos dereitos das persoas, unha sanción grave de entre 40.001 e 300.000 euros.