O Hospital de Monforte está sen equipo portátil de raios, obrigando a mover de unidade os/as pacientes Covid para facer as probas
A CIG-Saúde denuncia que o Hospital Público de Monforte leva máis de 15 días sen o equipo portátil de Raios X, o que implica que non se poden facer as placas na zona Covid, senón que hai que mover os/as pacientes dende Urxencias até Raios “pasando por diante das persoas que están, por exemplo, á espera de realizar un TAC”.
Ademais, a ausencia deste dispositivo supón tamén que tanto en Urxencias como en planta, non se poden facer portátiles urxentes no caso das paradas cardíacas. Para CIG-Saúde de Monforte este feito resulta gravísimo “xa que é unha proba imprescindíbel para o diagnóstico”.
Problemas derivados da privatización de electromedicina
Advirten que estes problemas veñen derivados pola privatización de electromedicina, que foi adxudicada a Iberman, retirándoselle os contratos de mantemento ás empresas oficiais que até entón se encargaban deste servizo. “Agora estragouse a procesadora de RX, que é onde se revelan as placas, pero Iberman non a arranxa porque non saben, co cal habería que chamar á empresa oficial, que tampouco quere vir porque lle retiraron o contrato”, explica Vicente Vázquez delegado da CIG-Saúde no Hospital.
Debido a isto non se van poder facer telemetrías no hospital, senón que haberá que realizalas en Lugo ou na sanidade privada. Unha vez máis, apunta, "as consecuencias desta privatización recaen directamente sobre os e as pacientes".
A solución máis inmediata, sinala, pasa por mercar un portátil dixital, como xa existen noutros hospitais, “pero parece ser que para Monforte non hai cartos para poder mercalo. Nos últimos anos en Lugo mercaron un e en Ourense dous. Pero no noso hospital aínda temos a préstamo, para facer placas normais, uns chasis que substituíron os vellos (e que non valen)”.
Diante disto, a CIG-Saúde demanda a compra xa deste portátil “imprescindíbel e que deixen de xogar coa vida dos e das pacientes, porque non se pode ter un hospital nesta situación por tanto tempo”.