A CIG-Saúde denuncia que o helicóptero sanitario do 061 de Santiago de Compostela permanece inoperativo desde o pasado 6 de novembro, sen que a dirección ofrecese explicacións claras sobre as causas nin sobre a previsión de recuperación do servizo. Esta nova incidencia súmase aos problemas de funcionamento e aos incumprimentos contractuais que se veñen producindo desde hai anos.
As traballadoras e traballadores manifestan o seu esgotamento ante unha situación que consideran insostíbel, pois malia as numerosas reunións mantidas coa dirección, “non se achegaron solucións satisfactorias ás súas demandas, especialmente ás relacionadas coa seguridade”.
A inoperatividade do helicóptero está a cubrirse cunha ambulancia de soporte vital avanzado (SVA), un recurso que non ofrece as mesmas prestacións posto que a aeronave atende emerxencias en toda Galiza, “pero a ambulancia ten o seu ámbito de actuación limitado a Santiago e á súa contorna”.
Problemas de mantemento e falta de garantías de seguridade
A CIG-Saúde advirte tamén que o mantemento da aeronave e a subministración de pezas de reposición “estase levando ao límite” e a isto súmanse incumprimentos contractuais como a falta de cobertura dos horarios operativos, a ausencia dunha aeronave de substitución e as carencias de material sanitario.
“A situación agrávase polo concurso de acredores no que se atopa a empresa adxudicataria, Eliance, o que aumenta a incerteza sobre a continuidade e as condicións de prestación do servizo”, subliñan.
A central sindical esixe á dirección do 061 respostas concretas e medidas inmediatas para que o helicóptero preste o servizo con todas as garantías de mantemento e seguridade, “sen que a continuidade nin a ampliación da actividade supoñan un risco para as persoas profesionais e as pacientes. A seguridade debe ser unha condición imprescindíbel para o funcionamento deste recurso sanitario esencial”, aseveran.
Dous anos de espera pola nova licitación
CIG-Saúde critica a parálise da nova licitación do transporte sanitario aéreo, pendente desde hai dous anos, así como a falta de transparencia sobre os prazos e as condicións do futuro contrato. Neste senso, punta que a insuficiencia do orzamento previsto e a posibilidade de introducir recortes nos pregos “xeran preocupación polas consecuencias que poderían ter sobre o mantemento e a seguridade operativa”.
Para o sindicato resulta imprescindíbel que nas condicións do novo contrato a aeronave conte con piloto e copiloto e que exista presenza física dun/ha mecánico/a de mantemento na base.
Finalmente, a CIG-Saúde non entende o anuncio da ampliación do servizo cun helicóptero operativo as 24 horas “cando a Administración continúa sen resolver os problemas do servizo actual. Antes de anunciar novas ampliacións, é necesario garantir que o helicóptero existente funcione en condicións de seguridade”.