CIG-Saúde denuncia que a “soberbia” do PP e de Feijóo impide solucionar a problemática de Atención Primaria
O pasado luns asinábase o acordo de negociación de todos os temas que se viñan denunciando, desde hai anos, referidos o deterioro de Atención Primaria. Un acordo polo que o SERGAS se comprometía, a través da Directora de Recursos Humanos -designada por eles-, a negociar en dúas mesas as demandas presentadas polo comité de folga. “Transcorridas menos de 24 horas xa fixeron saltar todo polos aires”, denuncia a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.
Abuín explica que tan só un día despois da sinatura deste acordo desde o Presidente da Xunta, até o Xerente do SERGAS, pasando polo portavoz de Sanidade no Parlamento e mesmo o propio conselleiro de Sanidade, en comparecencia parlamentaria, retiraron publicamente o apoio ao acordo asinado no ámbito de negociación. “O PP non só desautoriza así á Directora de Recursos Humanos, senón que constata a súa indecencia política e o escaso, por non dicir nulo valor dos seus compromisos, que xa non se sustentan sequera en campaña electoral”, denuncia a secretaria nacional de CIG-Saúde.
María Xosé Abuín lembra as manifestacións públicas de uns e outros e denuncia que mesmo chegaran a cualificar a plataforma de Primaria como un “chiringuito”; que manifestaran que xa tiñan asinado todo cos Colexios Profesionais e outros colectivos; que o conselleiro chegara a afirmar que o modelo de Primaria do PP xa era un modelo de éxito que non precisaba máis orzamento e que só ía dedicar 17,3 millóns de euros en dous anos; que a solución pasaba por facer campañas de información á cidadanía e por aumentar máis tecnoloxía na Atención Primaria. “Isto quere dicir, nin máis nin menos, que o que pretenden é ampliar o negocio que agora está nos hospitais, tamén á primaria e que o único que farán, en todo caso, será redefinir algúns temas”.
A secretaria Nacional de CIG-Saúde considera “inadmisible” que, antes mesmo de iniciarse a negociación do estudo de necesidades de persoal na atención primaria, que é un dos compromiso recollidos na acta, xa o conselleiro adiantara en sede parlamentaria que non teñen a máis mínima intención de dotar o servizo de máis medios humanos, nin materiais, nin máis orzamento. Nin sequera de dotar á Primaria de capacidade resolutiva ou a creación dunha Xerencia. “Antes de cuantificar as necesidades reais xa anuncian o ridículo orzamento que van investir, o que é a proba máis evidente de que a súa intención era e é non facer nada”, denuncia Abuín.
Desde a CIG-Saúde “lamentamos o erro cometido ao confiar en que a consellaría de Sanidade e Feijóo ían cumprir o que a Directora de Recursos Humanos, que adoita respectar os compromisos que adquire e que dela dependen, nos estaba a transmitir. Estaba sendo utilizada e eles non tiveron sequera a decencia de asistir a ningunha reunión coa Plataforma”.
A CIG-Saúde lamenta, xa que logo, ter desconvocado a folga e terlle dado ese voto de confianza ao goberno do PP, que “sabemos que non é digno de tal”, afirma Abuín, quen anuncia que “imos convocar unha reunión da plataforma en breve para propor retomar a folga no mes de maio se o día 26 o SERGAS non trae á mesa sectorial as propostas para desenvolver os acordos acadados o 10 de abril. Estamos dispostas a incrementar a mobilización a todos os niveis”.