A CIG-Saúde manifesta o seu profundo malestar pola falta de respecto da Consellería de Sanidade á negociación colectiva e á representación sindical das traballadoras e traballadores do SERGAS. A Administración pretende abordar na Mesa Sectorial do 20 de outubro medidas que xa terá presentado no Parlamento de Galiza o día anterior, sen dar oportunidade a unha negociación previa.
Na Mesa Xeral de persoal empregado público do pasado 14 de outubro, durante o estudo do anteproxecto da Lei de medidas para o ano 2027 en materia de persoal, o vicesecretario da Consellería comunicou que dúas cuestións relacionadas coa sanidade serían trasladadas á Mesa Sectorial e incorporadas á devandita lei, sen especificar nada máis.
“Agora temos coñecemento de que a Xunta prevé presentar no Parlamento de Galiza a Lei de medidas para o ano 2027, xunto cos orzamentos, o vindeiro luns 19 de outubro, mentres que a Mesa Sectorial de Sanidade está convocada para o martes 20”, explica a secretaria nacional da CIG-Saúde, Ana Lestón. “Que cuestións se pretenden incorporar na lei de medidas ás costas das traballadoras e traballadores?”, inquire.
Salienta Lestón que o SERGAS “nin presentou documento algún nin informou de ningunha maneira sobre as modificacións que van incorporar na lei de medidas”. Por iso, advirte que non existe marxe de negociación cando as medidas foron trasladadas ao Parlamento antes de seren tratadas coa representación sindical.
Para CIG-Saúde, esta forma de proceder “é inadmisíbel e evidencia a falta de vontade negociadora da Consellería de Sanidade. Non se pode falar de negociación cando a representación das traballadoras e traballadores recibe información sobre decisións que a Administración xa trasladou ao Parlamento”.
Confírmase así o que CIG-Saúde leva tempo denunciando, que a Consellería está a converter a Mesa Sectorial de Sanidade nun órgano de trámite, no que se comunican medidas en lugar de sometelas a unha negociación real.
A CIG-Saúde esixe á Consellería de Sanidade que respecte a representación sindical do persoal do SERGAS e que garanta unha negociación efectiva das medidas que afectan ás súas condicións de traballo, antes de adoptar decisións ou impulsar a súa tramitación parlamentaria. “A Mesa Sectorial non pode ser un espazo no que simplemente se informe de decisións xa tomadas. Ten que ser un verdadeiro ámbito de negociación”, conclúe Lestón.