Denuncian incumprimentos do Sergas na atención sanitaria de Culleredo
A CIG-Saúde da Coruña vén de denunciar un novo incumprimento do Sergas na atención sanitaria, nesta caso no Concello de Culleredo, xa que, pasadas tres semanas da apertura do novo centro de saúde do Portádego, continúa sen designarse un segundo profesional médico. A CIG-Saúde esixe o incremento inmediato deste persoal, que a dirección do Sergas "escoite os/as profesionais do centro na xestión das cotas" e que programe a contratación dun segundo médico para o PAC.
"O atraso na contratación do comprometido segundo médico é simplemente unha burla cos/as profesionais, fartos desta situación, e coa cidadanía de Culleredo", aseveran Ramón Veras e Sandra Suárez, delegado e delega da CIG-Saúde.
Explican que a sanidade de Culleredo leva anos cunha carga asistencial excesiva, pois xa no 2015 había unha media de máis de 1.600 tarxetas por cota médico e estas cifras non melloraron desde aquela. A necesaria e esperada apertura do novo centro considerábase o principio da mellora asistencial sanitaria deste municipio "pero non foi así. O Sergas comprometérase a 2 médicos, ademais doutros/as profesionais, e só chegou 1, totalmente insuficiente".
Cotas excesivas
A situación actual, aclaran, dende CIG-Saúde é a seguinte: hai un centro rural en Tarrío cun médico para 1.200 persoas, centro que vai ir perdendo poboación pero que é imprescindíbel para atender a zona rural; o novo centro do Portádego, con 5 médicas de mañá, que oscilan entre 1.500 e 1.650 persoas por cota. Xunto a estes, o centro de Acea da Má, con 5 médicos de mañá que teñen arredor de 1.700 pacientes por cota (nalgún caso incluso se supera esta cifra), e 5 de tarde, nos que hai 2 cotas con aproximadamente 1.650, outro preto de 1.600 e outro que supera os/as 1.725 pacientes, ademais da nova cota que empezou con 0 pacientes e xa anda polos 800.
"Pero en vez de nomear a 2 profesionais médicos xa na apertura do centro do Portádego, o Sergas optou por abrir 1 de tarde con 0 tarxetas e que a poboación fose recolocándose nos centros, Isto provocou que as cotas da mañá en Acea da Má se enchesen de xente (arredor de 1.700 tarxetas por médico) e o Sergas viuse obrigado a pechalas. Isto fai que neste momento non sexa posíbel elixir médico pola mañá en Acea da Má", censuran.
"No lugar de cambiar pacientes para a cota nova, a pesar de que se trasladaron 2 médicas da tarde de Acea da Má para o horario de mañá no Portádego, optaron por empezar desde 0 deixando abertas as outras cotas da tarde conseguindo que estes non pararan de empeorar", denuncia a CIG-Saúde.
En canto a pediatría tamén hai que subliñar que Culleredo perdeu pediatras de tarde e, por outra banda, o PAC precisa incrementar o cadro de persoal xa que un médico só (aínda que se complemente con outro parte do fin de semana) resulta insuficiente.
"Tres semanas bastan para demostrar a mala xestión da dirección do Sergas e a resistencia da nova Xerencia da Coruña a poñer o segundo médico. Esta ameazou inicialmente con non poñer ningún, como se fose unha concesión o incremento dun médico, e agora empeza a dicir que hai moitas necesidades na Área de Saúde para atrasar ou negar o incremento do segundo médico. CIG-Saúde esixe o incremento do segundo médico de inmediato, que a dirección do Sergas escoite aos profesionais do centro na xestión das cotas e que programe a contratación dun segundo médico para o PAC".