A nova redacción da Instrución de xestión da Incapacidade Temporal (IT) habilita á Inspección de Servizos Sanitarios a autorizar todas as probas e procedementos, que garden relación co proceso de IT, que soliciten as Mutuas.
Na redacción anterior a autorización era proba a proba, e sempre que as probas ou procedementos foran solicitadas previamente polas profesionais da sanidade pública. As Mutuas poden facer esas probas e procedementos con recursos propios ou con contratación con terceiros (sanidade privada) a través de procedementos regulados.
Non figura ningunha referencia a como vai ser financiado o incremento de probas e procedementos que se fagan, ben con recursos propios das Mutuas ou a través da contratación coa sanidade privada. En todo caso, sexan cartos pagados polo Servizo Galego de Saúde ou polos fondos da Seguridade Social, suporá unha derivación de cartos públicos cara a sanidade privada, reforzando a esta e debilitando á sanidade pública.
A nova redacción inclúe, nos procedementos que poden realizar as Mutuas, os procedementos rehabilitadores, que non figuraban na instrución anterior. Como consecuencia, as Mutuas terán o control total do diagnóstico, tratamento e rehabilitación de todos os procesos de IT de continxencia común sen que figure ningunha limitación polo tipo de patoloxía.
As mutuas deciden
As Mutuas son as que deciden as probas diagnósticas e os procedementos terapéuticos e rehabilitadores das persoas que estean en situación de IT, sendo as propias Mutuas as que seleccionan a que persoa e que probas e procedementos se solicitan e realizan.
Entre as probas e procedementos que poden solicitar as Mutuas están as que foran solicitadas polas profesionais da sanidade pública e que estean sen realizar. Antes da modificación da Instrución estas eran as únicas probas e procedementos que podían ser autorizadas pola Inspección de Servizos Sanitarios.
A modificación da Instrución xa contempla que se, a criterio das Mutuas, é preciso realizar novas probas ou procedementos, poderán ser solicitadas e autorizadas co mesmo procedemento, reforzando o control total das Mutuas sobre as persoas traballadoras en situación de IT.
A nova redacción da Instrución incorpora que as probas que se realicen polas Mutuas se incorporarán a historia clínica electrónica dos pacientes a través dos servizos de interoperabilidade que se utilizan para acceder as historias clínicas entre os diferentes Servizos de Saúde. Non figura ningunha garantía sobre o acceso das Mutuas, e de ser o caso da sanidade privada, á historia clínica das persoas traballadoras en situación de IT.