CIG-Saúde denuncia o intento de negociar condicións laborais do persoal médico fóra das mesas de negociación

Os chamados foros profesionais non son órganos elixidos democraticamente polo persoal e moitas das organizacións que os integran defenden posicións favorábeis ao desenvolvemento da sanidade privada
Nacional - 06 Mar 2026

A CIG-Saúde manifesta a súa preocupación tras o anuncio do Ministerio de Sanidade dun acordo co denominado Foro da Profesión Médica sobre cuestións relacionadas co futuro Estatuto Marco. A CIG-Saúde defende que as condicións laborais do persoal médico deben mellorarse e negociarse “porque é evidente que levan anos sufrindo condicións laborais duras, sobrecarga asistencial e falta de recoñecemento dentro do sistema sanitario público”.

Porén, estas cuestións deben abordarse nas mesas de negociación legalmente estabelecidas cos sindicatos que representan as traballadoras e traballadores do sistema sanitario público. “Os chamados foros profesionais non son órganos de negociación colectiva nin están elixidos democraticamente polas traballadoras e traballadores, senón conformados por organizacións designadas sen un proceso electoral que lles outorgue representación sindical”, advirte a secretaria nacional da CIG-Saúde, Ana Lestón.

Ademais, engade, moitas das organizacións presentes nestes foros teñen defendido historicamente posicións favorábeis ao desenvolvemento da sanidade privada, “polo que resulta especialmente preocupante que se lles permita influír na definición das condicións laborais das e dos profesionais da sanidade pública”.

Salienta Lestón que permitir que estes espazos condicionen acordos sobre condicións laborais abre a porta a vías paralelas de negociación e supón un risco para os dereitos laborais do persoal sanitario.

“A defensa dun sistema sanitario público forte pasa tamén por respectar a negociación colectiva e impedir que uns poucos, designados sen representación democrática e con intereses alleos ao sistema público, condicionen as condicións laborais de profesionais que levan anos sufrindo o deterioro da sanidade pública”, asevera.