CIG-Saúde denuncia o deterioro da Atención Primaria na Mariña
Neste senso, dende a Federación da Saúde da Mariña lembran a amortización de prazas de profesionais de saúde "co silencio cómplice dos alcaldes do Partido Popular en Ribadeo, Cervo, Xove ou Ourol". Así como o intento de pechar o Centro Médico de Cervo, concello con alta dispersión xeográfica e poboación envellecida. "Esta medida que pretendía levar adiante o goberno de Feijoo, finalmente foi freada pola forte mobilización na rúa da veciñanza durante máis dun mes, tanto en Cervo como en San Cibrao", subliñan.
A central nacionalista lembra tamén o déficit na atención pediátrica nos diversos centros de saúde (Ribadeo, Cervo, Burela, Mondoñedo, O Vicedo...). "Mentres Feijóo afirma apostar polo rural a realidade é que precariza servizos básicos. A sanidade é un dereito de todos e de todas independentemente do lugar onde vivan os nosos nenos e nenas”, afirman.
Paralización do Plan de Mellora de Atención Primaria
Sobre o Plan de Mellora de Atención Primaria, a CIG-Saúde da Mariña lembra que este nacera do acordo entre as organizacións profesionais, sindicais e a administración coa pretensión de facilitar o acceso ás probas diagnósticas sen ter que derivar os e as doentes a especialistas, acurtando así as listas de espera e axilizando tanto os diagnósticos como o seguimento das enfermidades. "Porén, desde o acceso do PP ao goberno da Xunta a súa aplicación foi paralizada porque, en troques de apostar por un modelo de promoción da saúde e prevención da enfermidade, apostou por derivar aos usuarios/as aos hospitais, onde está o negocio, de cara á súa privatización", afirman.
Grave perda da calidade asistencial
Xunto a isto, denuncian que amortización de prazas nos centros de saúde, a falla de cobertura das ausencias dos profesionais, a contratación en precario por días, e incluso por horas, "provoca unha sobrecarga de traballo que repercute nunha grave perda da calidade asistencial e un aumento do desemprego na comarca”.
Por iso, para a CIG-Saúde é fundamental a recuperación dos postos de traballo suprimidos nos últimos anos "para garantir a calidade asistencial, a estabilidade laboral e acabando coa precariedade que presenta o sistema".
Consideran que "este é o modelo que o goberno de Feijoo e demais gobernantes do PP promoven e impulsan a través dos seus xestores da EOXI de Lugo-Cervo-Monforte, e que está a provocar o desmantelamento intencionado da atención sanitaria. É o modelo da destrución de emprego, o modelo do deterioro progresivo da Atención Primaria, asfixiando as/os seus profesionais co interese de trasladar á cidadanía a percepción dunha sanidade precaria e insostíbel, e deste xeito, entregar a mans privadas o tan ansiado negocio da sanidade pública".
Para CIG-Saúde A Mariña "é básico rescatar a sanidade pública galega e dignificar a Atención Primaria para garantir un servizo básico de calidade e proximidade fronte os gobernos do PP que pretenden convertela nun privilexio".