CIG-Saúde denuncia o abuso de contratos eventuais na Área Sanitaria de Santiago
A CIG-Saúde de Compostela reclamou esta mañá, diante da entrada principal do hospital Clínico, que se adopten as medidas necesarias para previr as irregularidades na contratación. “O abuso dos contratos eventuais, é unha maneira de precarizar a vida laboral, xa que vulnera dereitos das traballadoras e traballadores, como os descansos ou os permisos e impide conciliar a vida laboral e familiar”, denunciaron. Entenden que ademais do deterioro das condicións laborais, estas cuestións son “factores estresantes que afectan ao desgaste profesional”.
A CIG-Saúde de Compostela reclamou esta mañá, diante da entrada principal do hospital Clínico, que se adopten as medidas necesarias para previr as irregularidades na contratación. “O abuso dos contratos eventuais, é unha maneira de precarizar a vida laboral, xa que vulnera dereitos das traballadoras e traballadores, como os descansos ou os permisos e impide conciliar a vida laboral e familiar”, denunciaron. Entenden que ademais do deterioro das condicións laborais, estas cuestións son “factores estresantes que afectan ao desgaste profesional”.
A CIG-Saúde de Compostela leva anos intentando que a planificación e xestión dos recursos humanos garanta un sistema de contratación de profesionais cinxido a criterios de obxectividade, imparcialidade e publicidade, e de acordo aos principios de mérito e capacidade.
Lembran que segundo a normativa vixente, para ofertar os contratos “debe existir unha actuación coordinada dos distintos servizos con competencia en materia de persoal, velando para que se eviten irregularidades”. Denuncian que, porén, na Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, as persoas aspirantes das listas de contratación “vense afectadas directamente pola mala xestión e precarización laboral, impedindo garantir uns coidados eficaces e de calidade partindo de piares básicos como a empatía, respecto ou a amabilidade”.
Sinalan, entre outras cuestións, a falta de responsabilidade na xestión porque “non informan ás persoas aspirantes das listas, cando lle ofertan un contrato, do número de contratos que se ofertan, do tipo de contrato, do servizo/unidade ou da carteleira prevista durante todo o contrato”.
Respecto da vulneración e abuso dos contratos de acumulo, Xosé Manuel Marcote explica que se podería xustificar “só cando apareza de forma puntual, non cando este déficit sexa un problema que late na cadro de persoal da unidade/servizo”.
Discriminación das traballadoras de baixa por causas relacionadas co embarazo
O representante da CIG-Saúde de Compostela denuncia ademais a discriminación da que son obxecto as traballadoras que se atopan en I.T. derivadas do embarazo ou parto. “Ofértanlles ‘contratos administrativos’, só contabiliza tempo traballado, mais non se formaliza en termos legais, porque non existe nómina”. Unha situación que constitúe, ao seu entender, un “abuso de autoridade”.
A isto engade as irregularidades na coberturas das vacacións e outros permisos, con acúmulo de tarefas os primeiros días, sen contrato nos días de descanso e despois o resto de días con contratos de acúmulo ou substitución. Como exemplo destas irregularidades explica que se rexeitou un contrato de interinidade a unha traballadora, que “seica non tiña no seu poder o parte de alta no momento da aceptación do contrato. Máis a normativa recolle que debe ser no intre da incorporación ao desempeño das funcións que lle corresponden por contrato”.
Xunto a isto, a CIG-Saúde denuncia que non se están ofertando contratos de substitución cando se encadean contratos, malia a normativa recoller que “se producirá o cesamento da persoa substituta pola reincorporación da persoa titular ou cando esta perda a seu dereito á reincorporarse á mesma praza ou función”. Do mesmo xeito que non se están ofertando os contratos atendendo á orde de prelación na lista de contratación “a profesionais con limitacións de saúde coa súa adaptación posterior”.
Falta de transparencia
Marcote apunta ademais a “fata de transparencia no POOL, contratos de días para coberturas urxentes e non programadas” e que, en todo caso, “non se realizan con garantía de obxectividade e imparcialidade, xa que nunca se xustifican as circunstancias concretas da súa necesidade e urxencia, nin o responsable que fai o chamamento”. Como falla tamén, por falta de acto público ou de dixitilización da contratación para ofertar as vacantes, que as persoas aspirantes sexan chamadas por rigorosa orde de puntuación, para poder escoller entre os postos ofertados.
A isto engade que non dan contratos por non ter formación nunha unidade ou aparello que non é área especial e, por outra banda, as coberturas da reserva de posto que deixa o persoal que promociona a un posto superior son cubertas con acúmulo de tarefas e non substitución nominal.
Rematar coas irregularidades
Fronte este modelo, que a CIG-Saúde considera “irregular” reclaman unha xestión de chamamentos e oferta de contratos máis eficiente e transparente, atendendo aos principios básicos da Administración Publica. Así como unha mellor organización dos servizos, seccións, equipos, ou unidades asistenciais equivalentes, sexa cal sexa a súa denominación. Un modelo que requirirá da existencia de “normas escritas de funcionamento interno e a definición de obxectivos e funcións, tanto xerais, como especificas para cada membro do mesmo”.