CIG-Saúde denuncia novamente a falta de pediatras no sistema sanitario galego
A CIG-Saúde vén alertando da falta de pediatras no SERGAS desde o ano 2012, data na que se publicou no DOG o Plan de Ordenación de Recursos Humanos no que se recollía xa a previsión de xubilacións nesta especialidade até 2017. Diante desta situación, dirixiuse en reiteradas ocasións tanto á anterior conselleira como ao actual sen obter resposta algunha. Agora denuncia a creación do posto de Pediatra de Área porque non vai dotar de máis profesionais o sistema público de saúde e porén, vai provocar inestabilidade e explotación laboral das/os que agora están.
A través da Lei de Acompañamento para os orzamentos de 2019, e sen previa comunicación á Mesa Sectorial do SERGAS –que é onde se ten que negociar a creación de calquera categoría nova, segundo se establece no Estatuto Marco, Lei 55/2003-, o Partido Popular crea a categoría de facultativo/a especialista de Pediatra de Área.
“A intención do PP coa creación desta categoría ás agochadas non é mellorar a atención pediátrica da poboación infanto-xuvenil galega, senón crear un posto de facultativo/a especialista polivalente para prestar servizos en máis dun centro hospitalario e de primaria”, denuncia a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.
A creación deste novo posto de facultativo especialista polivalente non vai implicar novas contratacións senón, unicamente redistribuír ás/aos profesionais que xa traballan no sistema público para que en lugar de atender no centro ao que están adscritos atenda en máis de un.
A CIG-Saúde témese que detrás disto se agoche a intención de centralizar a asistencia pediátrica nos grandes núcleos de poboación desatendendo os hospitais comarcais e a atención primaria do resto dos núcleos.
Para Abuín o que si vai provocar seguro é “o empeoramento no asistencia sanitaria e a emigración de profesionais altamente cualificados/as que buscarán ofertas de traballo estábeis e sen explotación laboral que lles permitan ter un proxecto de vida digno”.
A secretaria nacional da CIG-Saúde asegura que “se realmente a intención deste goberno fose solucionar esta situación tería creado no ámbito do SERGAS a Comisión Técnica que desde a CIG vimos solicitando desde hai anos para abordar a falta de profesionais, as consecuencias que isto ten na asistencia sanitaria e as posíbeis medidas de solución”. Entre outras, Abuín sinala, adaptar a oferta de prazas MIR en Pediatría ás xubilacións producidas nestes anos, suprimir a taxa de reposición que tan graves consecuencias tivo e ten e convocar as prazas necesarias para garantir a cobertura do sistema”.
Xunto a isto a CIG-Saúde denuncia que coa creación desta nova categoría o SERGAS rompe os acordos de selección temporal e definitiva pactados coas organizacións sindicais xa que na actualidade tanto o sistema de contratación como o de OPE está diferenciado entre atención primaria e atención hospitalaria.
A CIG-Saúde exixe da consellaría de Sanidade que elimine a creación desta figura da Lei de Acompañamento dos orzamentos 2019, a inmediata creación desta comisión técnica e que se aborden este e todos os problemas de falta de persoal facultativo que padece o sistema público de saúde en Galiza.