CIG-Saúde denuncia graves deficiencias en seguridade laboral e vulneración de dereitos no Sergas

Nacional - 28 Abr 2025

A CIG-Saúde e a CIG-Compostela concentráronse esta mañá diante da consellaría de Sanidade primeiro e da consellería de Traballo -coincidindo co Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo- , para denunciar a falta de seguridade nos postos de traballo no SERGAS e a vulneración dos dereitos de información, consulta e participación das delegadas e delegados de Prevención de Riscos Laborais.

Os responsables de Prevención de Riscos da CIG-Saúde, Irene Tato e Xabier Alvedro foron os encargados de trasladar as principais demandas e críticas do sindicato, denunciando que no Sergas “priorízase o aforro económico en detrimento da seguridade laboral, facendo urxente un cambio cultural e de modelo que poña a prevención no centro”. Entre os exemplos destacados, sinalaron a situación das traballadoras de Atención Primaria, que “tras entregar máis de 500 sinaturas e presentar múltiples denuncias na Inspección de Traballo, seguen sen recibir uniformes axeitados para a atención fóra dos centros de traballo”.

Criticaron a insuficiencia dos cadros de persoal nas Unidades de Prevención de Riscos e Medicina do Traballo, “incapaces de atender o volume de traballadores das áreas sanitarias”. Ademais, denunciaron graves fallos nas avaliacións de riscos laborais asegurando que “ou non se fan, como no caso do servizo de Urxencias da Coruña, onde non se avaliou a unidade en 12 anos tras un apuñalamento recente, ou non se planifican medidas preventivas, incumprindo a Lei de Prevención de Riscos Laborais”.

Unha situación á que engadiron que non se reavalían as unidades cada cinco anos, nin se consideran riscos como a violencia sexual, física ou verbal, e que a falta de mantemento de equipos provoca lesións osteomusculares.

Longas esperas nas revisión anuais de saúde

Tato e Alvedro apuntaron ademais as deficiencias nas revisións anuais de saúde, con longas esperas por falta de persoal e ausencia de seguimento para grupos vulnerables, como traballadores maiores de 55 anos ou de servizos de alto risco como laboratorios e quirófanos. E na formación denunciaron a falta de programas específicos e a inoperatividade de dispositivos de alerta, como botóns de emerxencia mal instalados ou non funcionais.

No ámbito dos plans de autoprotección e emerxencia, os reponsables de Prevención denunciaron tamén que “están desactualizados en hospitais e centros de saúde, con simulacros escasos ou inexistentes”. Apuntou ademais o grave caso do formaldehído nos laboratorios de Anatomía Patolóxica, onde “o persoal sofre síntomas como sangrados ou irritacións, sen que se cumpran as directrices da Inspección de Traballo nin exista un protocolo unificado”.

Vulneración dos dereitos de participación

Respecto á participación, alertaron sobre a “sistemática vulneración dos dereitos de consulta e participación nos Comités de Seguridade e Saúde”. Denunciaron que as convocatorias destes comités “chegan con retraso e con documentación fóra de prazo, dificultando a análise por parte dos delegados de prevención” e criticaron que o Observatorio de Violencia, un foro institucional, “leva máis de dous anos sen reunirse”.

Sobre o Protocolo de Violencia Externa, lamentaron que, “dous meses despois de comprometerse a súa actualización, non se tivesen en conta as achegas da CIG-Saúde nin se dese resposta”. Este protocolo, segundo o sindicato, “carece de medidas preventivas e ten un sistema de notificación restritivo, accesible só a mandos intermedios, o que desincentiva as denuncias e provoca infranotificacións”.

No caso do Protocolo de Acoso Laboral, denunciaron que “non se actualizou nin planificou adecuadamente”. Aprobado hai un mes para o resto de tipoloxías de acoso, sen o aval de CIG-Saúde, “aínda non foi implantado, e as delegadas de prevención foron excluídas como asesoras confidenciais, incumprindo a normativa”, xa que non se trasladou en moitos dos comités de seguridade e saúde das áreas. Ademais, “hai dous anos que non se facilitan datos centralizados sobre casos de acoso nas áreas sanitarias, sendo case imposible obtelos” por áreas ou distritos.

Finalmente, cuestionaron o seguimento das medidas derivadas da Avaliación de Riscos Psicosociais do Sergas, presentadas hai máis dun ano porque “non hai diagnóstico sobre a súa implantación nin datos sobre o seu cumprimento, cando moitas debían estar en marcha no primeiro semestre de 2025”.

Un chamamento á acción

CIG-Saúde exixiu ao Sergas e ás consellerías de Sanidade e Traballo medidas urxentes para garantir a seguridade laboral e o respecto aos dereitos de representación. “A seguridade e a saúde no traballo son un dereito, non un privilexio”, concluíron, instando a unha resposta inmediata por parte das autoridades.

O acto de protesta rematou coa lectura do manifesto no que a CIG denuncia que a inacción da Xunta de Galiza, gobernada polo PP, cronifica a alta sinistralidade laboral en Galiza, que en 2024 rexistrou un índice de incidencia de accidentes mortais do 6,19%, o segundo máis alto do Estado (tras Nafarroa), case triplicando o de comunidades como Madrid (2,16%) ou Catalunya (2,26%). Isto implica que os traballadores galegos teñen un 300% máis de probabilidades de morrer nun accidente laboral.

O manifesto salienta que a precariedade laboral, con 40% de contratos temporais promovidos pola propia Xunta, o incumprimento da normativa de prevención, a escasa inspección, a falta de sancións e a nula vontade política agravan o problema. En 2024, os accidentes mortais aumentaron un 16% (58 falecidos, 8 máis que en 2023), con especial impacto nos traballadores temporais (+166,7%). O sector servizos liderou con 23 mortes, seguido da construción (12), industria (9), pesca (7) e agricultura (7). Por provincias, Pontevedra rexistrou 23 falecementos, A Coruña 20, Lugo 13 e Ourense 2.

Subliña ademais que os accidentes graves creceron un 13,7% (414 casos), destacando no sector servizos (+26,4%). Por sexo, 53 mortes afectaron homes e 5 mulleres, cun incremento do 25% neste último grupo. A CIG propón melloras normativas, máis recursos para a Inspección de Traballo e o ISSGA, fiscalías especializadas e novos xulgados para reducir a sinistralidade, que en 2023 xa subira un 7,1% (27.274 accidentes con baixa).

A falta de formación e prevención, especialmente en traballadores temporais, é un factor clave. Galiza segue sendo unha das comunidades con maior risco laboral, duplicando a media estatal en mortes por cada 100.000 traballadores e traballadoras.