CIG-Saúde denuncia en Inspección a falta de medidas de emerxencia na Central do 061 na Estrada
A CIG-Saúde vén de presentar denuncia diante da Inspección de Traballo pola falta de medidas de emerxencia e simulacros de evacuación na Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia 061, no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) na Estrada.
A CIG-Saúde presentou o pasado venres 25 de marzo de 2022 denuncia ante a Inspección de Traballo polo incumprimento do artigo 20 da Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de Riscos Laborais que establece que o empresario “deberá analizar as posibles situacións de emerxencia e adoptar as medidas necesarias en materia de primeiros auxilios, loita contra incendios e evacuación dos traballadores e traballadoras, designando para iso ao persoal encargado de poñer en práctica estas medidas e comprobando periodicamente, no seu caso, o seu correcto funcionamento.”
Desde o traslado forzoso do persoal da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061, no mes de outubro de 2018, ao edificio do CIAE, as delegadas e delegados de prevención de riscos laborais da CIG-Saúde teñen reclamado en diferentes ocasións no Comité de Seguridade e Saúde a implantación dun plan de emerxencias, así como a celebración dos correspondentes simulacros de evacuación.
Plan de Autoprotección
A Dirección do 061 sempre remitiu á elaboración de un Plan de Autoprotección por parte do titular do centro de traballo, a Axencia Galega de Emerxencias AXEGA, que a día de hoxe segue sen estar operativo e con constantes incumprimentos do plan de implantación do mesmo.
O CIAE inaugurado en abril do 2017 coa intención de concentrar a atención telefónica ás Emerxencias en Galicia integra na súa instalación ao persoal da AXEGA, 112, 061, policía autonómica, así como o recentemente inaugurado Centro de Apoio á Atención Primaria. Máis de 300 traballadoras e traballadores realizan o seu labor neste centro que, segundo o propio alcalde de A Estrada, converte a este concello no Centro da Emerxencias de Galicia.
Por iso, para a CIG-Saúde resulta paradoxal que o centro de atención a emerxencias de Galiza non dispoña dun plan de emerxencias propio, nin se teña realizado, en case 5 anos, un simulacro de evacuación do mesmo.