CIG-Saúde denuncia as enormes demoras no servizo de admisión do HULA
A CIG-Saúde de Lugo leva denunciado de maneira recorrente a desorganización da dirección do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) a respecto do servizo de admisión e as prestacións adxacentes que del derivan. Unha cuestión que atribúen "á propia desorganización dos servizos asistenciais no caso da citación e da recitación", que ocasiona enormes trastornos tanto ao persoal como as usuarias e usuarios.
A este respecto, critican que no día de hoxe a dirección deu prioridade "os pinchos dunha xornada de enfermaría sobre a citación", xa que se pechou o mostrador da terceira planta para colocar un buffet. Isto provocou que os outros dous mostradores "tiveran demoras de até 150 números". "Non pode ser que a estas alturas haxa que pasar toda unha mañá cando se vén ao Hospital, e polo tanto perder un día de traballo, ben se sexa doente ou acompañante", censura a CIG-Saúde de Lugo.
Para a central este proceder denota unha "incapacidade conxénita e crónica para servir os intereses da cidadanía, así como un absoluto deixamento de funcións organizativas". A modo de exemplo destacan que a atención ao/á doente, en moitas ocasións, ten 100 números de espera e, ademais, "nin sequera dispón dos medios necesarios para dar satisfacción ás queixas".
Algo similar ocorre coas listas de espera: "unha cousa sempre é o encadre estatístico que fai o SERGAS e outra a realidade que vive a xente". Neste senso, explican que se están dando citas en Neuroloxía para recoller resultados dun electroencefalograma para marzo de 2020; en Cardioloxía, para a valoración dunha cardiopatía conxénita e a realización dun estudo familiar con criaturas pequenas, as citas son para febreiro do ano 2020 tamén.
"Esta é a realidade da mellor sanidade do mundo", lamentan, apuntando á estratexia do PP de descapitalizar o sistema público de sanidade "para xustificar con sito que a xestión privada é máis efectiva que a pública".