CIG-Saúde denuncia as continuas demoras do Ministerio de Sanidade na negociación do Estatuto Marco

Están pendentes de negociar, entre outras cuestións, a clasificación profesional e a xornada laboral
Nacional - 22 Nov 2024

CIG-Saúde levaba anos solicitando a negociación dun novo Estatuto Marco (EM) para adaptalo á realidade actual dos servizos de saúde. Despois de dous anos de negociación o Ministerio continúa prolongando as negociacións e sen interese ningún en pechar un novo EM. Por iso exixe que se convoque canto antes a mesa negociadora do EM pero con propostas que permitan unha negociación real do EM, e que o Ministerio de Sanidade remate coa demora intencionada na negociación deste estatuto.

Segundo explica o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel G. Moreira, estaba prevista unha reunión para o día 21 de novembro que foi suspendida por parte do Ministerio, sen establecer unha nova reunión nin un calendario de negociación. “Nesa xuntanza íanse abordar por primeira vez as dúas cuestións pendentes de negociar: clasificación profesional e a xornada laboral, pero o Ministerio adía esta negociación sen data e sen motivo”, explica.

En canto ao que se leva negociado durante estes dous anos, Moreira asegura que “non foi pechado ningún dos apartados e polo tanto non hai nin un texto, aínda que sexa provisional”.

A CIG-Saúde vén insistindo tamén, en todas as reunións mantidas co Ministerio de Sanidade, da necesidade de negociar a xubilación aos 60 anos para o persoal da sanidade, pero o Ministerio negouse a tratar este tema na negociación do EM, amosando pouco interese por acadar este compromiso coas/os traballadoras/es da sanidade.