CIG-Saúde denuncia agresións a persoal e usuarios nos centros de saúde da Área de Pontevedra agravadas pola saturación de turismo
A CIG-Saúde vén de denunciar as agresións sufridas nos últimos días por usuarias e usuarios da sanidade pública nos centros de saúde de Vilagarcía e O Grove. Agresións que adoita sufrir tamén o persoal pola imposibilidade de garantir unha atención digna e que atribúen ás políticas de recorte aplicadas polo Partido Popular, desde a Xunta de Galiza, coa complicidade de todas as Xerencias das distintas Áreas sanitarias.
Respecto das agresións a usuarias e usuarios, ocorridas esta semana en centros de Vilagarcía e O Grove, lamentan que se volva poñer a noticia na rúa como se fose algo novo e esporádico do período estival “xustificándoas como conxunción de festas e alcohol”.
Consideran que isto está moi lonxe da realidade, e afirman que o persoal da sanidade en Atención Primaria -e o persoal sanitario en xeral- “sofre a diario insultos, malos modos e reclamacións escritas por parte de usuarios, que lle demandan unha atención sanitaria que non poden ofrecerlle”.
Subliñan que “non depende de quen está atendendo ás e aos doentes que non se conte cos profesionais e os medios necesarios” e matizan que esta situación se ve agravada agora co aumento de poboación que padece a Área Sanitaria no verán, porque “hai que prestar atención, en moitos casos, con menos da metade dos recursos humanos”.
Trato desigual en función dos concellos
A CIG-Saúde denuncia ademais a diferenza de trato que reciben os distintos concellos. A modo de exemplo explica que Sanxenxo está cuberto ao 100%, porque se trasladou un médico de Vilagarcía e outro do Grove, incluída a ambulancia de Vilagarcía. Porén, O Grove ten dúas facultativas de baixa e só se cobren, unha cun facultativo dous días ao mes, e a outra con dous días á semana. “Un facultativo trasladado a Sanxenxo todo o verán, outro de vacacións sen cubrir e un para atender desprazados, catro horas ao día, até o 15 de agosto”.
Por iso, exixe o mesmo trato para todos e denuncia que “hai poboación de primeira e de segunda, e veraneantes de primeira e de segunda”. Unha situación que entende que queda constatada cando, en ambos os casos, se trata de concellos costeiros con sobrecarga de poboación.
A CIG-Saúde alerta de que a poboación en xeral sofre os retrasos nas consultas e os cambios constantes destas, as longas listas de espera e a ausencia de especialistas. “Isto provoca que colapsen os servizos de urxencias tanto de PAC coma hospitalarias, volvendo a esperar horas para ser atendidos e atopándose ademais nova orde para o acceso á triaxe, que se fai por orde de chegada, sen as e os doentes ser valorados por ningún persoal sanitario”. Unha directriz que afecta mesmo a pacientes trasladados en ambulancia, que teñen que agardar co persoal técnico, sen poder continuar co seu labor.
O sindicato atribúe esta situación ás políticas de recortes impostas polo PP, que “deterioran a asistencia sanitaria provocando un estado de estrés no persoal e impotencia na poboación que mostra o seu enfado e rabia co primeiro persoal que atopan”.
Situación que, en todo caso, entende que “non debe nunca escusar o mal trato tanto verbal como físico ao persoal que está traballando, que xa sofre o maltrato da administración deixándoos de parachoques”.
CIG- Saúde recolle as declaracións do Xerente da Área Sanitaria de Pontevedra-Salnés, que afirmou que “ hai que coidar a quen nos coida” e conclúe que “son palabras baleiras se non se poñen os medios que eviten a falta de asistencia sanitaria a quen o necesita”.