CIG-Saúde denuncia a oportunidade perdida para a planificación real de necesidades da sanidade pública nos orzamentos 2024
Para CIG-Saúde os orzamentos do 2024 son unha oportunidade perdida para a realización da planificación real de necesidades, tanto para facer a cobertura do acordo de redución de xornada do 20 de abril de 2023, como para evitar que os cadros de persoal sigan estando a mínimos, e novamente sen ter en conta ás categorías profesionais minoritarias, que son imprescindibles para o bo funcionamento da sanidade pública.
Tres exemplos desta oportunidade perdida son as situacións nas que se atopa a atención primaria, a atención hospitalaria e ás urxencias hospitalarias:
- CIG-Saúde leva xa anos reclamando a posta en marcha das medidas previstas no PLAN DE ORDENACIÓN DE RECURSOS HUMANOS DE ATENCIÓN PRIMARIA sobre a análise e dimensión dos cadros de persoal necesarios para dar resposta á aplicación das Carteiras de Servizo de todas as categorías profesionais da Atención Primaria.
Para que o Plan de Ordenación teña algo de credibilidade, e poida ser aplicado durante o ano 2024, os orzamentos tiñan que recoller un incremento do cadro de persoal que permita dar resposta á situación actual e permita dimensionar os cadros de persoal.
A ausencia de prazas de nova creación no ámbito da Atención Primaria supón desacreditar o Plan de Ordenación e convertelo en papel mollado, xa que non ten respaldo orzamentario para o ano 2024.
- CIG-Saúde tiña esixido unha ANÁLISE DE RATIOS DE PERSOAL NOS HOSPITAIS. “Somos coñecedores do déficit de profesionais que existe e por iso esiximos ao SERGAS que se fixera un estudo de ratios, que fora acompañado dun orzamento específico para poder incorporar ao persoal necesario”, explica o secretario nacional, Manuel G. Moreira.
A este respecto explica que, no canto disto, “atopámonos con prazas de varias categorías, pero non todas, e sen análise previo e/ou debate de se se achega ao necesario ou, como nós cremos, quedamos novamente moi por debaixo”.
- CIG-Saúde leva meses reclamando a convocatoria da COMISIÓN DE SEGUIMENTO DO ACORDO DE URXENCIAS HOSPITALARIAS para avaliar a situación de sobrecarga, a necesaria adecuación dos plans funcionais e os axustes retributivos en función dos últimos acordos.
A Administración, segundo Moreira, sempre respondeu que estaba facendo o traballo previo de recollida de información para realizar a convocatoria. “Agora nos atopamos que se crean 74 prazas de médica/o de urxencias sen pasar sequera pola Mesa Sectorial e sen mostrar a información supostamente recollida nin a carga de traballo real dos servizos de urxencias. Con quen se negociaron estas prazas? En que ámbito?”, pregúntase.
Por iso, a CIG-Saúde manifesta o seu desacordo co procedemento seguido para a elección das prazas de nova creación e o “xeito propagandístico de comunicalo á opinión pública”.
CIG-Saúde ten solicitado a convocatoria dunha reunión urxente da Mesa Sectorial onde se dea conta da análise de necesidades realizada pola Administración para xustificar a selección das prazas de nova creación incorporadas nos orzamentos e os motivos polos que non se tiveron en conta as necesidades reais do conxunto do sistema sanitario público.