CIG-Saúde denuncia a falta de persoal para a UVI Móbil do Barco de Valdorras a Ourense
CIG-Saúde do Barco de Valdeorras vén de denunciar o empeoramento do servizo de transporte urxente de enfermos graves en UVI móbil desde o hospital de Valdeorras cara os hospitais de referencia. Aseguran que, se o mes pasado a ausencia de persoal médico de garda para realizar estes traslados durante 11 días fixo que se posicionasen os partidos políticos da oposición do Parlamento galego pedindo solucións, este mes de agosto a situación foi a peor, porque desde o día 9 ao día 15 repítese a situación do mes anterior.
Segundo explican, “isto provocou que tivera que vir persoal desde Ourense a buscar ás/aos doentes e, a partir do día 15, segundo nos refiren facultativos de urxencias, nin consta nos partes de garda que este servizo vaia ser dado dende Ourense. Percíbese, por tanto, a sensación dun total e absoluto abandono dos pacientes do noso distrito”.
Denuncian que, como viñan advertindo, “xa se deron situacións de 7 horas de espera dun enfermo grave para ser recollido e trasladado a Ourense e mesmo o caso dun doente que solicitara traslado urxente ás 10:30 horas da mañá e foi recollido para o seu traslado as 17:15 horas da tarde por unha profesional que antes debeu rematar a súa quenda ordinaria de traballo”.
Asegura que se están a dar situacións de espera de horas en pacientes críticos, ou con severas patoloxías como hemorraxias dixestivas, infartos agudos de miocardio ou contusións medulares, entre outras, que “en ningún caso son tolerables e que implican a posibilidade de consecuencias irreparables”, conclúen.