CIG-Saúde denuncia a falta de continuidade na negociación do II Plan de Igualdade no SERGAS
A CIG-Saúde vén de denunciar a falta de continuidade na negociación do II Plan de Igualdade no SERGAS. Afirma que desde que se constituíu a comisión negociadora non se convocou ningunha xuntanza. Por iso demanda que se convoque de inmediato para iniciar dunha vez a negociación.
Despois das denuncias públicas da CIG-Saúde ante o termino da vixencia do I plan de igualdade, no mes de outubro do ano pasado, e á falta de iniciar unha nova negociación, conseguíase que no mes de abril se creara a nova Comisión negociadora.
Sen nova convocatoria e sen contestar as propostas da CIG- Saúde
Porén, a CIG-Saúde denuncia que malia levar creada xa hai máis de catro meses, “non houbo por parte da administración ningunha nova convocatoria. Tan só se remitiron unha serie de datos da lexislación vixente, sen achegar outro tipo de documentación que poida valer para a fase de diagnose”, explica Irene Tato, responsable de Muller e Igualdade da federación.
Tampouco se atenderon as propostas da CIG sobre o envío dunha enquisa de valoración do anterior plan ás persoas traballadoras ou a creación dun regulamento interno. A isto Tato engade que “nin sequera se contestou o escrito remitido pola CIG- Saúde o pasado mes de Xullo solicitando a convocatoria de reunión da Comisión Negociadora”.
O Sergas segue sen apostar pola igualdade
Para a CIG-Saúde o SERGAS “segue cos seus hábitos non negociadores, deixando de lado os dereitos das persoas traballadoras e demostrando, unha vez máis, que non aposta por unha igualdade real”.
A este respecto, a responsable de Muller explica que “nin sequera chegou a presentar os informes de avaliación do anterior plan de igualdade, quedando sen materializar diferentes medidas como a creación das salas de lactación”.
Isto co agravante de que se fai sen velar polo cumprimento, por parte das áreas sanitarias, dos acordos conseguidos, como a oferta de contratación ás mulleres embarazadas sen abusar dos contratos administrativos; sen aplicar melloras de conciliación e correlación, senón todo o contrario, “denegando a ampliación do permiso por nacemento/adopción/acollemento para as mulleres ou denegando permisos, ano tras ano, sen planificar absolutamente ningún tipo de medida que poida reverter está situación”.
Sen entrega do rexistro retributivo
Tamén incumpre o SERGAS, segundo a CIG-Saúde, a normativa xa que nin comunicou a intención, nin fixo entrega do rexistro retributivo do ano 2024, que poñería de manifesto as diferenzas no cobro de complementos e desvantaxes retributivas, como pode ser o caso das matronas.
Por iso, Irene Tato advirte que “seguiremos loitando até que o SERGAS sente a negociar o II Plan de igualdade e se materialicen medidas reais e efectivas en materia de igualdade para o conxunto das persoas traballadoras”.