CIG-Saúde denuncia a falta de compromiso do Ministerio de Sanidade na negociación do Estatuto Marco
Despois de 8 meses de reunións, nos que se foron presentando propostas para redactar un novo Estatuto Marco, na reunión do 24 de abril de 2023 pechouse unha fase da negociación na que CIG-Saúde denunciou a falta de compromiso político do Ministerio de Sanidade coa redacción dun novo Estatuto Marco que dea resposta ás necesidades actuais e futuras da sanidade pública.
Segundo explica Manuel Moreira, secretario nacional da CIG-Saúde, transcorreron dúas reunións do ámbito de negociación “sen que o novo Ministro de Sanidade fixera nin un mínimo xesto de recoñecemento da importancia da negociación en marcha, nin mostrara un mínimo compromiso con acadar o novo Estatuto Marco que precisamos”.
Sinala que a CIG-Saúde apostou por un Estatuto Marco que estableza as normas xerais de funcionamento e que facilite as ferramentas necesarias para que as comunidades autónomas desenvolvan as súas competencias na xestión da sanidade pública.
Despois de expoñer esta posición, CIG-Saúde abandonou a reunión demandando unha nova proposta do Ministerio de Sanidade que demostre a vontade política de negociar o novo Estatuto Marco.
Cuestións esenciais
Para Moreira a regulación básica da xornada, da xubilación anticipada ou parcial, a actualización da clasificación profesional, o concurso de traslados aberto e permanente, a promoción interna, a carreira profesional, a dedicación exclusiva á sanidade pública ou a actualización das funcións das diferentes categorías profesionais, son temas que” ben merecen o esforzo de redactar un novo Estatuto Marco”.
CIG-Saúde agarda que o Ministerio de Sanidade presente un documento para a negociación real do novo Estatuto Marco, onde se recollan, entre outros, os puntos anteriores e demostre a súa vontade política de reforzar a sanidade pública.
A CIG-Saúde participa no ámbito de negociación grazas á representatividade que lle dan as traballadoras e traballadores da sanidade pública nas eleccións sindicais. O ámbito de negociación está convocado polo Ministerio de Sanidade para a modificación do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.
CIG-Saúde seguirá demandando no Ámbito de negociación o novo Estatuto Marco preciso.