CIG-Saúde denuncia a dobre penalización salarial do persoal do SERGAS nos meses de xullo e decembro
A CIG-Saúde denuncia que nos meses de xullo e decembro o persoal do SERGAS sofre unha dobre penalización salarial no seu complemento específico ao incumprirse os acordos salariais asinados en 2008, co goberno bipartito, que foron conxelados polo goberno do PP coa chegada de Feijóo á Xunta de Galiza.
O complemento específico retribúe as especificidades do posto de traballo atendendo á dificultade técnica, dedicación, responsabilidade, perigosidade e penosidade, tal e como se establece no artigo 43.2 do Estatuto Marco.
A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín incide en que é a Xunta de Galiza quen ten as competencias para negociar a súa contía. Porén, denuncia que o goberno do PP penaliza o persoal estatutario de SERGAS, que ten un complemento específico inferior que o resto das/os traballadoras/es da Xunta de Galiza.
Abuín lembra que co goberno bipartito asinárase en 2008 un acordo retributivo que contemplaba unha suba salarial para que o persoal do SERGAS puidera superar “o agravio histórico” que viña padecendo.
A secretaria nacional de CIG-Saúde denuncia que porén, en canto Alberto Núñez Feijóo accedeu á presidencia da Xunta de Galiza no ano 2009, “o primeiro que fixo foi suspender, entre outros, este acordo” que se mantén desde aquela conxelado e que se nega a negociar na mesa sectorial, tal e como veñen demandando desde que o propio presidente da Xunta se subiu un 7,5% o seu salario.
Abuín denuncia, ante isto, que “o goberno do PP segue a condenar ao persoal do SERGAS a ter unha retribucións inferiores ao resto das/os traballadoras/es da Administración Pública Galega, mentres Feijóo presume de que as/os traballadoras/es da Xunta de Galiza no ano 2017, e desde o mes de xaneiro, recuperaron parte do salario que eles veñen roubando desde o 2010”.
Perda acumulada
Na extra do mes de xullo devolveuse o complemento específico “roubado” desde o ano 2012, pero sen os incrementos que se deberían aplicar atendendo ao acordo retributivo que o Sergas incumpre. No seguinte cadro pódese comprobar “o que nos rouban nas extras e mes a mes”, afirma María Xosé Abuín:
Especifico Persoal Xunta de Galiza |
Especifico Persoal do SERGAS |
Roubado ao persoal do SERGAS mes a mes, e nas pagas extras |
||
Nivel 22 |
626.99 € |
Grupo A2 |
392.70 € |
234.29 € |
Nivel 18 |
465.15 € |
Grupo C1 |
273.81 € |
191.34 € |
Nivel 16 |
451.34 € |
Grupo C2 |
278.84 € |
172.50 € |
Nivel 12 |
423.71 € |
Grupo E |
306.36 € |
117.35 € |