CIG-Saúde denuncia a convocatoria electoralista dunha OPE que só dará cobertura a 1.314 das 6.000 prazas vacantes
CIG-Saúde considera electoralista a Oferta de Emprego Público (OPE) do SERGAS publicada no DOG, por adiantala en meses ás convocatorias doutros anos e facela coincidir coa pre campaña. Denuncia ademais que é unha oferta de emprego insuficiente xa que só contempla a cobertura de 1.314 prazas cando o total de vacantes que hai no Servizo Galego de Saúde chega ás 6.000 e que só inclúe 200 prazas de médica/o de familia e 35 de pediatría de Atención Primaria.
A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín explica que son 1.022 as prazas da taxa de reposición ordinaria, vacantes 2018, cubertas con interino; que hai 79 prazas do plano de estabilidade do SERGAS e que, de todas as prazas vacantes, “estas son as que se estabilizan”. Xunto a isto sinala que hai 81 prazas da taxa de reposición por cumprimento do déficit, co 8% de incremento da taxa ordinaria e 132 prazas por cumprimento do déficit que corresponde a toda a Administración Pública que se convocan no SERGAS.
Por iso acusa a Feijoo de ser “campión do déficit” e lembra que, en todo caso, independentemente da data da súa publicación, esta oferta de emprego da que onte informou o SERGAS na mesa sectorial, é a mesma que vén publicando desde o ano 2010.
Unha oferta de emprego, que antes de chegar á mesa sectorial, “foi negociada en comisión de seguimento coas organizacións sindicais asinantes da taxa de reposición”, acordo que a CIG-SAÚDE non asinou.
Para Abuín, “cada oferta de emprego publicada vén a ratificar as nosas denuncias”, porque é un “insulto” para todas e todos os profesionais da sanidade pública, “obrigándoos a presentarse, ano tras ano, ás oposicións sen acadar unha praza fixa, pola ridícula oferta das prazas”.
Precariedade laboral
A secretaria nacional da CIG-Saúde denuncia ademais que con esta OPE “consolídase a precariedade laboral” ao non se convocar todas as categorías existentes e “as que se convocan non acadan nin o 30% das vacantes que hai no SERGAS desde o ano 2009”, ademais de consolidar a falta de profesionais na atención primaria.
Nese sentido lembrou que recentemente o SERGAS convidou ao Conselleiro Vasco de saúde quen, nunhas declaracións, afirmou que “o persoal non fai unha carreira para cubrir días libres e vacacións”. Situación á que se ven condenadas as e os profesionais en Galiza coa política de emprego do SERGAS.
Por iso a CIG-Saúde rexeita esta oferta de emprego e exixe ao SERGAS que remate dunha vez coa taxa de reposición e convoque, nos procesos selectivos, o 100% das prazas vacantes producidas no SERGAS desde o ano 2009, porque “todo o persoal do SERGAS ten dereito a estabilizar o seu posto de traballo cunha praza fixa, independentemente da súa categoría”.