CIG-Saúde reclama que se incorpore a xubilación aos 60 anos para o persoal da sanidade pública no novo Estatuto Marco
Delegadas e delegados da CIG-Saúde concentráronse este luns diante da Delegación do Goberno na Galiza (situada na Coruña) para exixírlle ao Ministerio de Sanidade que incorpore a xubilación aos 60 anos para o persoal da sanidade pública no novo Estatuto Marco. A protesta desenvolveuse coincidindo coa reunión en Madrid da mesa de negociación na que participou o secretario nacional da CIG-Saúde, Manolo Moreira.
A petición do sindicato nacionalista, explicou a secretaria de Organización da federación de Saúde, Ana Lestón, na orde do día desta reunión incluíuse a cuestión da xubilación anticipada e parcial. "Instamos o Ministerio a que abra un proceso negociador para conseguir que o persoal comprendido no ámbito de aplicación do Estatuto Marco poida acceder á xubilación cando cumpra os 60 anos e teña, cando menos, 35 anos cotizados", sinalou.
Para materializar este dereito, a central solicítalle do Goberno do Estado que realice os cambios legais necesarios para que a xubilación aos 60 anos do persoal da sanidade pública quede recollida nese novo Estatuto Marco.
Lestón lembrou que a Lei 40/2007, de medidas en materia de Seguridade Social, prevé que a idade mínima de 65 anos poida ser rebaixada por Real Decreto para grupos ou actividades profesionais, categorías e especialidades cuxo traballo sexa de natureza penosa, tóxica ou perigosa, tendo en conta os efectos do traballo a quendas, con especial penosidade nas quendas de noite, e o esforzo físico e mental que soportan os e as profesionais no desenvolvemento do seu traballo.
"Pretendemos que o novo Estatuto Marco recolla que o persoal da sanidade pública que teña os períodos de cotización estabelecidos na norma se poida xubilar sen as penalizacións que marca a actual lexislación. Tamén instamos o Goberno do Estado a ter en conta na planificación dos cadros de persoal actuais ou futuros, o dereito á xubilación aos 60 anos do persoal da sanidade pública".
Media de idade alta e longas carreiras de cotización
A representante da CIG-Saúde subliñou que os cadros de persoal teñen unha media de idade moi alta (máis de 50 anos), contan con longos períodos de cotización e cunhas condicións penosas no desempeño do seu labor. Condicións que, engadiu, "como consecuencia das políticas de recortes, privatización e desmantelamento dos servizos públicos aplicadas nos últimos anos, fan imprescindíbel a articulación deste dereito".
A este respecto, a federación de Saúde denuncia que a situación actual de falta de profesionais na sanidade pública é consecuencia da planificación sanitaria realizada durante os últimos 12 anos. Unha planificación baseada en recortar persoal, suprimir postos de traballo e adelgazar e privatizar os servizos públicos, poñendo en cuestión o dereito da sociedade a unha prestación de calidade.
Por iso, a CIG-Saúde entende que este déficit derivado exclusivamente de decisións políticas "non pode impedir que se faga efectivo o recoñecemento da xubilación anticipada aos 60 anos ao persoal da sanidade pública. Este é o momento de recoñecer o esforzo dos traballadores e traballadoras da sanidade pública".
O Estatuto debe dar resposta á situación real do persoal
Sobre o contido da reunión en Madrid, o secretario nacional, Manolo Moreira, indicou que "serviu para expresar o desacordo da CIG co proceder do Ministerio de facer declaracións sobre temas da negociación fora deste ámbito, insistir no modelo de Estatuto Marco que defendemos e que se negocie a incorporación da xubilación anticipada e parcial".
Neste punto, reitera que a CIG-Saúde defende que a negociación dun novo Estatuto Marco debe dar unha resposta real á situación do persoal da sanidade pública, con condicións propias e específicas, polo que debe incluír necesariamente, entre outros, os seguintes temas:
- sistema identificativo de prazas
- xubilación parcial e anticipada
- norma básica de carreira profesional para todo o persoal estatutario tanto fixo como temporal
- norma básica sobre permisos e sobre conciliación laboral e familiar sistema de información transparente que nos permita realizar comparacións globais das condicións de traballo entre os diferentes servizos de saúde
- revisión dos mapas de titulacións
- mapas de competencias e clasificación das distintas categorías
- e todo isto co máximo respecto ás competencias propias de cada servizo de saúde
A seguinte reunión da mesa de negociacións quedou fixada para o 2 de abril.