CIG-Saúde demanda un Plan de Ordenación de Recursos Humanos de Atención Primaria

Sanidade repite o seu intento de resolver a falta de profesionais sobrecargando de traballo e acurtando a formación do persoal residente de medicina de familia e pediatría
Nacional - 28 Mar 2025

A CIG-Saúde denuncia que a Consellaría de Sanidade comunica, mediante un correo electrónico, sen pasar pola Mesa sectorial, o “Acordo do Consello de Dirección do Servizo Galego de Saúde, do 26 de marzo de 2025, polo que se renova a encomenda de funcións ao persoal residente no seu cuarto ano de formación na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria”.

Coa desculpa de que neste ano 2025 o período formativo das persoas residentes finalizará na segunda quincena do mes de xullo, en pleno período estival e vacacional, e ademais, como as previsións de xubilacións de persoal médico de atención primaria fan deste 2025 un ano especialmente problemático para a reposición de efectivos e a cobertura de presenzas, a Consellería de Sanidade decide que a mellor medida para resolver este problema é sobrecargar de traballo e acurtar a formación do persoal residente de medicina de familia.

Un ano máis a Consellaría de Sanidade renuncia a actuar sobre as causas que xeran esta falta de profesionais e a negociar coas organizacións sindicais posibles solucións. Non se negocia e os acordos do Consello de Dirección son comunicados por correo electrónico.

Solucións estruturais

CIG-Saúde denuncia o retraso na negociación do Plan de Ordenación de Recursos Humanos de Atención Primaria, que permitiría actuar sobre as causas dos problemas e aportar solucións estruturais para facer máis atractivo o traballo na nosa Atención Primaria

A Consellería de Sanidade sabe perfectamente que as dificultades para cubrir as prazas na Atención Primaria non se limitan á necesidade de substituír ausencias por vacacións, xa que, por culpa das políticas de recortes aplicadas desde o ano 2009 e a renuncia á planificación en función das necesidades, xa coñecidas, partimos de cadros de persoal minguados pola existencia de prazas baleiras, pola incidencia de baixas laborais relacionadas coas condicións de sobrecarga asistencial e pola falta de vontade dos estudantes de medicina de incorporarse ás especialidades relacionadas coa Atención Primaria.

Unha vez máis desde CIG-Saúde temos que denunciar a parálise desta Consellería de Sanidade que leva un ano pensando que facer, cando de terse desenvolvido o Plan de Ordenación, xa tería definidas as necesidades de profesionais e posto en marcha as medidas de mellora das  condicións laborais precisas para garantir a súa cobertura.

Todas e todos sabemos xa que sen mellorar das condicións de traballo, sen facer atractivo o traballo na Atención Primaria, non teremos solución á falta de profesionais. Todas menos a Consellería de Sanidade, que leva un ano valorando a situación.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.