CIG-Saúde demanda no Parlamento a recuperación dos acordos retributivos e da carreira profesional
A CIG-Saúde entregou este mércores, no rexistro do Parlamento de Galiza, máis de 7.000 sinaturas de traballadores e traballadoras en demanda de que se negocie na mesa sectorial do Sergas un plan para recuperar os acordos retributivos e de condicións laborais suspendidos desde o ano 2010. Canda isto celebrouse, ao longo da mañá, unha concentración no exterior do Pazo do Hórreo mentres os membros da Executiva da federación se reunían con representantes dos grupos parlamentarios.
A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, lembrou que os acordos retributivos teñen carácter de norma, porque foron acordados na mesa sectorial do SERGAS e publicados no DOG. “Contemplaban incrementos progresivos das nosas retribucións para que estivesen na media da que teñen as traballadoras e traballadores dos servizos de saúde do Estado español”.
Neste sentido, denunciou que “somos a última comunidade canto as retribucións que percibimos por penosidade -traballo en domingos, festivos e noites- ou por gardas e o noso complemento específico, desde a época de Feijóo como secretario xeral da consellaría de Sanidade, ten unha contía retributiva menor que a do resto de traballadores/as da administración autonómica malia requirírsenos unha titulación específica para exercer a nosa profesión”.
Por iso considerou que se hai unha recuperación económica, tal e como repiten desde o goberno da Xunta, “cremos que nós tamén temos que recuperar esas retribucións suspendidas desde o ano 2010”.
Abuín sinalou que a consellaría esta a negociar a carreira profesional. Porén, denunciou que “discrimina aínda máis entre o persoal fixo e o temporal”. Subliñou que a carreira profesional “non retribúe vínculo, nin por ser temporal ou fixo senón polo desempeño profesional e isto, xunto co cumprimento de obxectivos, a formación, a innovación e o desempeño asistencial é igual, sexas fixo ou temporal”.
Por iso considerou que “non ten ningún sentido” que na mesa sectorial se sigan a presentar documentos que o único que fan é agrandar a fenda salarial entre persoal fixo e temporal.
Xuntanzas coas forzas políticas
A secretaria nacional de CIG-Saúde valorou positivamente a receptividade dos grupos parlamentarios de en Marea, BNG e PSOE. “Comparten as nosas reivindicacións e comprometéronse a seguir presentando iniciativas no Parlamento para que a Consellería de Sanidade negocia na mesa sectorial un calendario de recuperación dos nosos acordos e a negociación dunha carreira profesional sen discriminación”.
Porén o PP limitouse a recoller as demandas e “agardamos que así das transmita ao goberno e á consellaría de Sanidade”, sinalou.