CIG-Saúde demanda máis persoal e condicións dignas para as/os doentes ingresados no Gil Casares
A CIG-Saúde de Compostela vén de demandar á Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza unha actuación interdisciplinar e integrada para garantir unha atención de calidade e centrada na/o doente, de forma que quede garantida a continuidade asistencial no hospital Gil Casares e o inmediato arranxo da calefacción para que as e os doentes ingresados non pasen frío.
Denuncia que malia virse desmantelando este hospital, segue prestándose asistencia sanitaria nun espazo habilitado con camas dispoñíbeis, mais sen contar nin cos medios materiais e humanos necesarios, nin coas infraestruturas en condicións para garantir unha mínima calidade asistencial.
Segundo a CIG-Saúde hai máis de 23 doentes cuxos ingresos foron decididos pola dirección, procedentes de medicina interna. Trátase de persoas de avanzada idade, con patoloxías cronificadas, mobilidade moi reducida e soportando situacións penosas.
Sen calefacción
Doentes que padecen unhas condicións inadmisíbeis na sanidade pública porque o obsoleto sistema de calefacción non funciona, o que implica que están a pasar frío e nin sequera o persoal abonda para a súa atención.
Neste sentido, a CIG-Saúde de Compostela asegura non existe ningunha planificación, non se conta cos recursos humanos necesarios coa información e formación suficiente e axeitada para unha mellor seguridade e prevención de desgaste profesional, porque o número de profesionais que hai para atender ás persoas ingresadas é de dúas enfermeiras, unha TCAE e un celador/a durante a mañá, a tarde e a noite. Persoal “escaso para xestionar unha asistencia de calidade. É dicir, aseo e lavado dos doentes, levantar e axudar na súa deambulación, administración de medicación, apoio e administración de comidas”.
O centro hospitalario nin sequera conta con ascensores que cumpran coas dimensións axeitadas e dos dous que hai para doentes, un non funciona desde hai meses. “Un problema no caso dunha emerxencia para desaloxar aos doentes” ou mesmo para o seu traslado para facer unha simple radiografía de abdome”.
Por iso demandan mellores condicións de traballo co conseguinte aumento de persoal, cunha TCAE e un celador máis e o inmediato arranxo da calefacción, ademais de solucionar o problema de trasladar a doentes para facer probas diagnósticas e o arranxo do ascensor para facilitar a evacuación das e dos doentes caso de ser precisa.